Dous españois feridos no accidente de autobús que causou 21 mortos en Venecia
Dous españois feridos no accidente de autobús que causou 21 mortos en Venecia
Das vítimas mortais, dezanove faleceron no intre e outras dúas mentres eran trasladados en ambulancia
O fiscal xefe de Venecia, Bruno Cherchi, anunciou que este mércores se realizará un exame do sucedido, comezará unha investigación médico-legal e se proseguirá coa identificación das vítimas
Hai dous españois entre os quince feridos no accidente de tráfico que se produciu este martes en Mestre, localidade próxima a Venecia, e en que morreron 21 persoas, cando un autobús caeu desde un paso elevado e despois se incendiou.
Segundo o delegado de Goberno de Venecia Michele dei Bari ao telexornal da RAI, entre os quince feridos, once puideron ser identificados e hai dous españois, catro ucraínos, un alemán, un francés, un croata e dous austríacos.
Segundo unha primeira hipótese, é posible que o condutor, un italiano de 40 anos que tamén faleceu, se sentise mal, xa que non hai sinais de freada e o autobús estaba a circular por un tramo recto antes de romper o gardarraíl e caer ao baleiro, segundo explicou aos medios o comandante da policía municipal de Venecia Marco Agostini.
O fiscal xefe de Venecia Bruno Cherchi, anunciou que este mércores se realizará un exame do sucedido, comezará unha investigación médico-legal e se proseguirá coa identificación das vítimas.
O vehículo era un autobús eléctrico que levaba os turistas e residentes do cámping Hu de Marghera. Entre as vítimas xa identificadas, dúas delas son nenos e unha moza de 14 ou 15 anos, e tamén se atopan cinco cidadáns ucraínos, un alemán, e o condutor do vehículo, segundo confirmou o delegado de goberno de Venecia Michele Dei Bari.
Mentres que entre os quince feridos, que foron trasladados a tres hospitais da zona, hai cinco que se atopan en estado grave, entre eles unha nena de 5 anos con queimaduras. Das vítimas mortais, dezanove faleceron no intre e outras dúas mentres eran trasladados en ambulancia; os feridos, tres deles menores e seis en estado moi grave, foron derivados a hospitais de Mestre, Mirano, Dolo, Padua e Treviso, segundo fontes da alcaldía de Venecia.
A primeira ministra Giorgia Meloni expresou: "O máis sentido pésame, persoal e de todo o Goberno, polo grave accidente ocorrido en Mestre. Penso nas vítimas e nos seus familiares e amigos. Estou en estreito contacto co alcalde de Venecia Luigi Brugnaro e co ministro (do Interior) Matteo Piantedosi para seguir as noticias sobre esta traxedia".
O alcalde de Venecia Luigi Brugnaro, un dos primeiros en acudir ao lugar da traxedia, revelou que decretará "loito, en memoria das numerosas vítimas que se atopaban no autobús caído. Unha escena apocalíptica, non hai palabras".