Dous galegos, entre os seleccionados da iniciativa '10 mozos españois con máis talento'
Dous galegos, entre os seleccionados da iniciativa '10 mozos españois con máis talento'
O programa de Celera ofrécelles un seguimento personalizado para que desenvolvan o seu potencial
Hai dous galegos entre os dez mozos con máis talento que escolle cada ano o proxecto Celera. Son un estudante de Medicina de Santiago e unha licenciada en Dereito natural de Cedeira. Con esta selección, ambos recibirán apoio para desenvolver o seu potencial, co obxectivo de que a súa visión axude a mellorar a sociedade.
Manuel Rico, presencialmente, e Ana Rubido, en videoconferencia, recibiron este martes as felicitacións do conselleiro de Educación, quen puxo o foco na competitividade destas axudas e no feito de que haxa dous galegos entre os dez seleccionados.
"Ambos estudaron na universidade pública, en ámbitos diferentes: un no ámbito sanitario e a outra no das ciencias sociais", dixo Román Rodríguez, o conselleiro de Educación.
Os dous escollidos, con enormes currículos a pesar da súa xuventude, explicáronnos as súas inquedanzas. Ana, moi centrada no apoio das administracións á educación e á xuventude.
"Investir nas primeiras etapas da vida, en educación e formación ao longo da vida. Creo que así o futuro vai ser mellor", subliñou Ana Rubido, licenciada en Dereito.
"O que me move é a neurociencia, en concreto as enfermidades neurodexenerativas. No longo prazo interésanme os trastornos de movemento, en concreto a enfermidade de párkinson, e encantaríame no futuro conseguir ser algo parecido a Ángel Carracedo", declarou o estudante de Medicina Manuel Rico.
O futuro agárdaos. De momento, grazas a esta selección recibirán apoio, ferramentas e un seguimento personalizado para desenvolver o seu talento.