Publicador de contidos
Publicador de contidos

Polo menos nove mortos nas inundacións no norte de Italia

Polo menos nove mortos nas inundacións no norte de Italia

As choivas torrenciais que azoutan Emilia Romaña provocaron o rebordamento de varios ríos e evacuación de 10.000 persoas

Vista aéres de Cesena, coas rúas anegadas
G24.gal 17/05/2023 09:25 Última actualización 17/05/2023 19:43

Polo menos nove persoas morreron e unha está desaparecida tras as graves inundacións que arrasaron enteiras localidades da rexión de Emilia Romaña, no nordés de Italia, e onde se contan máis de 5.000 evacuados e importantes problemas no servizo eléctrico, de telefonía e nas vías de comunicación. 

O ministro da Protección Civil italiana, Nello Musumeci, deu nunha conferencia de prensa un primeiro balance da situación na zona, que definiu como "crítica".

En total foron 24 as localidades asolagadas da rexión, sobre todo nas provincias de Forli, Cesena e Ravena, debido a que "todos os ríos de Emilia Romaña rexistraron rebordamentos".

Para o ministro, tanto estas inundacións como as que se viviron na mesma rexión fai só un par de semanas "é algo que ten poucos procedentes".

Os evacuados son xa máis de 10.000 e poderían ser máis, engadiu o responsable da Protección Civil.

Na zona están a operar 700 unidades do Corpo de bombeiros, 300 axentes de Policía e un milleiro de carabineiros, así como 220 voluntarios da Cruz Vermella, 100 do Socorro Alpino e uns 340 de Protección civil.

A viabilidade nas estradas provinciais é crítica, con moitas zonas cortadas mentres que tamén se tiveron que cortar tramos da autoestrada A14, que percorre a costa adriática, do mesmo xeito que o tráfico ferroviario rexional "completamente bloqueado", mentres que si funciona sen problema o tráfico ferroviario nacional e as liñas de alta velocidade.

As inundacións deixaron sen enerxía eléctrica a preto 50.000 usuarios, mentres que outros 100.000 teñen problemas na telefonía móbil e outros 10.000 na telefonía fixa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade