Polonia atribúe a un mísil de fabricación rusa a explosión que deixou dous mortos preto da fronteira con Ucraína
Polonia atribúe a un mísil de fabricación rusa a explosión que deixou dous mortos preto da fronteira con Ucraína
Polonia atribúe a un mísil de fabricación rusa a explosión que deixou dous mortos preto da fronteira con Ucraína
O presidente Andrzej Duda di que é "o máis probable" e o Ministerio de Exteriores xa o dá por feito
Hai moitas posibilidades de que Varsovia invoque hoxe o artigo 4 do Tratado da OTAN na reunión de urxencia convocada para embaixadores
Joe Biden considera "pouco probable" que o proxectil se lanzase desde Rusia
O G7 e a OTAN chaman a investigar antes de "dar máis pasos"
O Goberno polaco reuníase esta noite de urxencia logo da explosión que matou dúas persoas na cidade de Przewodów, na provincia oriental de Lublin, preto de Ucraína. Tras a xuntanza, no Ministerio de Exteriores confirmaban o que apuntaran medios locais: que se debeu ao impacto dun mísil de fabricación rusa.
O presidente Andrzej Duda aclaraba pouco despois que iso é "o máis probable". O mandatario dicía que polo momento non teñen "ningunha evidencia clara" de quen o lanzou e lembraba que hai unha investigación en marcha. O primeiro ministro, Mateusz Morawiecki, explicaba que nas pescudas participan "aliados doutros países". O caso lévao a Fiscalía Nacional.
Ambos os mandatarios apostaron pola mesura e pola prudencia. E chamaron á calma a poboación, alertando da proliferación de novas falsas que só benefician a Rusia.
Varsovia convoca o embaixador ruso para que dea explicacións
Á espera do resultado das pescudas, e malia que Rusia nega calquera implicación, o Executivo polaco xa convocou o embaixador dese país para que dea explicacións detalladas de inmediato.
O Consello de Ministros acordou aumentar o nivel de alerta de determinadas unidades das Forzas Armadas, con especial énfase no control do espazo aéreo. De feito, anunciou un reforzamento da vixilancia en colaboración cos aliados.
Hoxe mesmo pode invocar o artigo 4 do Tratado da OTAN
O presidente Andrzej Duda avanzou que "é moi probable" que o seu embaixador invoque hoxe na xuntanza da OTAN o artigo 4 do Tratado do Atlántico Norte. A Alianza reúnese de urxencia para discutir o "tráxico incidente", en palabras da súa voceira Oana Lungescu.
Ese artigo di que os aliados se consultarán "cando, a xuízo de calquera deles, estea ameazada a súa integridade territorial, independencia política ou seguridade". Sería a antesala dunha posible decisión ou acción conxunta no nome da organización.
Rusia nega que fose un ataque seu
Rusia asegura que non efectuou ataques contra obxectivos preto da localidade polaca de Przewodów. "Non se realizaron ataques contra obxectivos preto da fronteira estatal entre Ucraína e Polonia con medios de destrución rusos", dixo o Ministerio de Defensa nun breve comunicado pouco despois da explosión.
Afirmou que os fragmentos do proxectil que aparecen nas fotos publicadas polos medios polacos "non teñen nada que ver coas armas rusas". E engadiu que "as declaracións dos medios e funcionarios polacos sobre a suposta caída de mísiles rusos na área da localidade de Przewodów é unha provocación deliberada" para aumentar a tensión.
Zelenski sostén que son de orixe rusa
O presidente de Ucraína Volodimir Zelenski asegurou que a explosión foi causada por mísiles rusos.
"Hoxe ocorreu o que levamos advertindo moito tempo. O terror non se limita ás nosas fronteiras nacionais. Mísiles rusos impactaron en Polonia", sinalou o mandatario ucraíno a través da súa conta de Telegram. "Trátase dun ataque con mísiles rusos contra a nosa seguridade colectiva. É unha escalada moi significativa", agregou.
Europa, preocupada
A presidenta da Comisión Europea Ursula von der Leyen declarouse "alarmada polas informacións dunha explosión en Polonia, tras un ataque masivo con mísiles rusos en cidades ucraínas". Así o escribiu a xefa do Executivo comunitario na súa conta en Twitter.
Trasladou ademais as súas condolencias ás familias das dúas vítimas e a súa "máis forte mensaxe de apoio e solidariedade con Polonia e cos nosos amigos ucraínos". Engadiu que está "a seguir de preto a situación", en contacto "coas autoridades polacas, cos socios e cos aliados" da UE.
Alarmed by reports of an explosion in Poland, following a massive Russian missile strike on Ukrainian cities.
— Ursula von der Leyen (@vonderleyen) November 15, 2022
I extend my condolences and my strongest message of support and solidarity with Poland and our Ukrainian friends.
Na mesma liña se pronunciou o presidente do Consello Europeo. Charles Michel dixo que está "en choque polas noticias de que un mísil ou outra munición matou persoas en territorio polaco" e enviou as súas condolencias aos familiares. "Estamos con Polonia", engadiu.
Shocked by the news of a missile or other ammunition having killed people on Polish territory.
— Charles Michel (@CharlesMichel) November 15, 2022
My condolences to the families.
We stand with Poland.
I am in contact with Polish authorities, members of the European Council and other allies.@AndrzejDuda @MorawieckiM
O G7 e a OTAN agardarán o resultado da investigación en marcha
Esta explosión en territorio OTAN próximo a Ucraína produciuse en pleno cumio de líderes do G20 en Bali, onde a maioría dos países solicitaban unha condena á invasión de Ucraína. Os dirixentes do G7 e da Organización do Tratado Atlántico Norte alí presentes, incluído o presidente español, mantiveron hoxe unha xuntanza para analizar o sucedido.
O mandatario estadounidense Joe Biden explicou que acordaron "por unanimidade" apoiar a investigación que se está levando a cabo para determinar exactamente o que pasou e decidir despois "de forma colectiva" os próximos pasos. Preguntado sobre se o mísil se lanzou desde Rusia, dixo que "hai información preliminar que refuta iso" e explicou que é "pouco probable" dada a súa traxectoria. Pero chamou a esperar o resultado das pescudas.
No encontro, segundo Biden, tamén falaron dos "brutais" ataques de Rusia deste martes a ducias de obxectivos ucraínos, que provocaron importantes cortes na subministración eléctrica. Dixo que apoian a Kiív e que farán todo o necesario para que se poida defender.
Chamamento de Pedro Sánchez á unidade
O presidente do Goberno Pedro Sánchez defendeu nesa xuntanza de líderes do G7 e da Alianza en Bali que "a unidade é máis necesaria que nunca". Segundo o ministro de Exteriores José Manuel Albares, tamén se reafirmou na necesidade de facer todos os esforzos posibles para que volva a paz a Ucraína.
No Executivo apelan á prudencia ata coñecer os detalles da investigación en marcha e piden evitar calquera especulación ao respecto.
O presidente do PP Alberto Núñez Feijóo espera que se aclaren as circunstancias exactas do ocorrido nun país aliado e amigo como é Polonia. Así o sinala en Twitter, manifestando o compromiso "sen fisuras" do seu partido coa Unión Europea e coa OTAN.