Publicador de contidos

Publicador de contidos

Preto de 200.000 galegos saíron da taxa de risco de pobreza ou exclusión nun ano

Preto de 200.000 galegos saíron da taxa de risco de pobreza ou exclusión nun ano

Galicia sitúase como a cuarta comunidade con menor taxa AROPE segundo os datos publicados no INE

Máis dun cuarto da poboación declara non poder afrontar gastos imprevistos e un 6 % di ter moitos problemas para chegar a fin de mes

Imaxes de arquivo sobre unha factura. Ricardo Rubio/Europa Press. Imaxes de arquivo sobre unha factura. Ricardo Rubio/Europa Press.
G24.gal 13/02/2025 15:53 Última actualización 13/02/2025 19:36

A taxa AROPE -porcentaxe de poboación en risco de pobreza ou exclusión social- situouse en Galicia no 18,7 % da poboación residente na comunidade en 2024, fronte ao 26 % do ano anterior; o que significa que douscentos mil galegos abandonaron esta condición, na que seguen 488.700 persoas, segundo a poboación residente en Galicia ao 31 de decembro de 2024.

Segundo os datos da Enquisa de Condicións de Vida (ECV) divulgada este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), Galicia colocouse como cuarta comunidade coa menor taxa AROPE, tras País Vasco (15,5 %); Baleares (17 %) e Navarra (17,7 %).

No conxunto de España, a taxa AROPE situouse en 2024 no 25,8 %, algo menos dun punto inferior que un ano antes, cando alcanzou un 26,5 %.

Segundo os datos do INE, os distintos compoñentes que integran esta taxa, a poboación en risco de pobreza situouse en Galicia en 2024 no 14,2 %, por un 19,4 % o ano anterior; mentres que no conxunto de España este indicador chegou ao 19,7 % o ano pasado, inferior ao 20,2 % de 2023.

En Galicia, segundo os datos da Enquisa de Condicións de Vida de 2024, o 4,8 % da poboación sufría carencia material severa, por un 8,2 % en 2023. No conxunto dos españois, o 8,3 % sufriron carencia material severa en 2024, por un 9 % un ano antes.

Outra das indicacións da enquisa é a baixa intensidade no emprego, que en Galicia chegou ao 7,1 % en 2024, apenas medio punto inferior ao ano anterior; mentres que no conxunto de España situouse no 8 %, catro décimas mellor que en 2023.

Dificultade para chegar a fin de mes, afrontar imprevistos e pagar sen atrasos

Segundo os datos divulgados este xoves polo INE, o 6 % dos galegos tivo moita dificultade para chegar a final de mes en 2024, a cuarta comunidade autónoma cun mellor comportamento, e unha redución de máis do 2,5 % respecto ao ano anterior.

No conxunto de España o 9,1 % dos enquisados declararon moita dificultade para chegar a final de mes en 2024, dúas décimas mellor que en 2023.

Algo máis dunha de catro persoas en Galicia, o 26,7 %, declarou non ser capaz de afrontar gastos imprevistos en 2024, un 2,4 % que o ano anterior; mentres que no conxunto de España a porcentaxe supera a un de cada tres cidadáns, un 35,8 %, algo máis dun punto mellor que en 2023.

En canto a atrasos no pago de gastos relacionados coa vivenda ou en compras feitas a prazos, só o 7,5 % dos galegos declararon ter este problema en 2024, algo menos de 1,5 puntos que o ano anterior; mentres que no conxunto de España a porcentaxe foi case o dobre en 2024, ata o 14,2 %, medio punto superior a 2023.

Problemas para ir de vacacións polo menos unha semana ao ano

Entre os principais indicadores da enquisa, Galicia presenta peores rexistros que a media na porcentaxe de persoas que declaran que non poden marchar de vacacións polo menos unha vez ao ano, e que se sitúa no 35,8 %, tres puntos e medio mellor que o ano anterior.

No conxunto de España, a porcentaxe chegou en 2024 ao 33,4 %, case 2,5 puntos mellor que Galicia, aínda que tres décimas peor que en 2023.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade