Seguen caendo os nacementos en Galicia, mentres en España soben por primeira vez en 10 anos
322.034 nenos e nenas naceron en España en 2024 un 0,4 % máis que o ano anterior, segundo o INE
Galicia é a comunidade onde máis baixan os nacementos, un 4,4 por cento respecto a 2023

Os nacementos aumentaron en España por primeira vez en dez anos. En 2024 rexistráronse 322.034 en todo o estado, aumentaron un 0,4 % con respecto ao ano anterior, segundo os datos provisionais publicados este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Os nacementos remontaron na maior parte das autonomías, sobre todo en Cantabria, onde subiron un 13,3 %. Galicia segue á cola, cunha caída do 4,4 %. Durante o pasado ano morreron na nosa comunidade 19.333 persoas máis da que naceron.
En Galicia a cifra de nacementos segue sen remontar
Galicia mantense allea á tendencia que marcan as estatísticas, que comezan a reflectir un aumento dos nacementos en España. Somos a comunidade onde naceron menos nenos de todo o estado e estamos á cabeza en saldo vexetativo negativo.
Na nosa comunidade naceron durante 2024 un total de 13.383 nenos, un 4,4 por cento menos que o ano anterior, e morreron 32.716 persoas, un 0,2 menos que o ano pasado. Somos a autonomía de España cun saldo vexetativo máis acusado en negativo, de 19.333 persoas.
Durante 2024 estímase que faleceron en todo o estado 439.146 persoas, un 0,7 % máis que no ano anterior, mentres que naceron 322.034, un 0,4 por cento máis. O saldo vexetativo sitúase en negativo, en 114.937 persoas.
Por comunidades autónomas, os maiores incrementos no número de nacementos rexistráronse en Cantabria (13,3 %) e Baleares (5,7 %), mentres que os descensos máis acusados detectáronse en Galicia, cunha baixada do 4,4 %, e no País Vasco, cun 3,7 %.
O crecemento vexetativo foi negativo en todas as comunidades excepto en Madrid, que tivo un saldo positivo de 2.707 persoas.
Obsérvase un atraso na idade de maternidade. Aínda que oito de cada dez nais tiñan entre 25 e 39 anos, o volume de mulleres que pariron a partir dos 40 aumentou un 8,5 % nos 10 últimos anos.