Os galegos maiores de 55 anos puntúan a súa saúde física cun 7,3 sobre 10
Cun notable, a nota supera a media estatal
No coidado do benestar emocional danse un suspenso, cun 4,4
Á hora de valorar a súa propia saúde, os galegos maiores de 55 anos puntúana cun 7,3 sobre 10. É dicir, cun notable. Así o sinala un estudo da Fundación Mapfre, onde a nosa nota só é superada por navarros, madrileños e rioxanos. En troques, tocante ao coidado do benestar emocional a nota fica por debaixo da media estatal e nin sequera chega ao aprobado, cun 4,4.
As persoas desta franxa de idade din coidar da súa saúde con hábitos como o exercicio regular ou unha boa alimentación. Pero algo no que admiten ter máis dificultades é no descanso, posto que só seis de cada dez dormen máis de sete horas ao día.
Lorenzo Armenteros, voceiro da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia: "Entre os piares fundamentais da saúde está a actividade física e a boa alimentación, aos que podemos engadir un novo: o sono, tan importante coma os outros e que nos pode afectar na esfera emocional".
Tres de cada catro maiores de 55 anos aseguran padecer algunha patoloxía crónica. As máis comúns son a hipertensión, o colesterol alto e os problemas articulares.