Dúas empresas están interesadas na compra de Alu Ibérica na Coruña
Dúas empresas están interesadas na compra de Alu Ibérica na Coruña
Teñen de prazo ata o 10 de maio para negociar a compra antes de liquidar a planta
O Ministerio de Industria xa mantivo contacto coas dúas empresas interesadas na compra de Alu Ibérica, segundo confirmaron o Ministerio e o Comité de Empresa tras a xuntanza celebrada onte con presenza de representantes estatais e autonómicos a e tamén do administrador concursal.
Nun comunicado, o Goberno reitera o seu "compromiso" na procura de solucións para manter a planta e confirma que se produciron contactos con dúas empresas que mostraron interese pola planta.
O Ministerio de Industria tamén explica que solicitou ao administrador concursal "primar as ofertas que maximicen a salvagarda dos postos de traballo". Industria engade que buscará unha empresa de recolocación para os traballadores que se poidan quedar fóra dos posibles contratos que faga o futuro investidor. Amais, o Ministerio reitera a súa disposición a "colaborar e apoiar cos elementos financeiros dispoñibles os investimentos produtivos para o mantemento das capacidades industriais e o emprego".
O Goberno Central pide a "colaboración" da Xunta para que o proceso de mantemento das capacidades produtivas da planta da Coruña "chegue a bo fin".
Prazo ata o 10 de maio antes de liquidar a planta
O presidente do Comité de Empresa, Juan Carlos López Corbacho, explicou que o administrador concursal lles trasladou a súa vontade de manter a planta "o tempo que puidese", pero que se non había unha solución tería que "liquidar" a planta, fixando como prazo máximo o 10 de maio.
A representación sindical reclama ao Ministerio solucións para activar a planta "canto antes". Tamén pediron que se avale calquera saída "onde se manteña o maior cadro de persoal posible". "O Ministerio ten que apoiar proxectos de futuro, achegando investimento", dixeron os representantes dos traballadores. Logo fixéronlle a mesma reclamación á Xunta para que estas negociacións cheguen a bo termo. Os contactos entre administracións, administrador concursal e sindicatos proseguirán a próxima semana, segundo informou o Comité de Empresa.