Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dúas mulleres son as únicas taxistas no concello de Montederramo

Dúas mulleres son as únicas taxistas no concello de Montederramo

Ser taxistas no rural é moito máis que conducir, sen transporte público, elas son un servizo imprescindible para moita xente

Cistina e Natalia conducen os seus taxis polas aldeas de Montederramo
G24.gal 30/08/2023 21:24

Coñecemos a historia de dúas mulleres taxistas no rural, no concello ourensán de Montederramo. Hai uns anos xubiláronse os homes taxistas que había e elas viron aí unha oportunidade laboral. Deixaron os seus traballos e agora percorren as estradas da montaña ourensá levando á xente a onde o precisa. 

Cristina leva onde anos xa sendo taxista en Montederramo, e Natalia, tres. Hai uns anos había seis taxistas no municipio, pero agora só quedan elas dúas as que levan o servizo de taxi no concello. Con pouco máis de 700 habitantes, é unha poboación moi avellentada, o seu é un servizo público imprescindible para moita xente maior que non ten coche. 

Natalia estudou administrativo e estivo traballando na hostalería. Desde o Concello de Montederramo ofrecéronlle a posibilidade de facerse cunha licenza e lanzouse a emprender. Ela di que sempre lle gustou conducir e falar coa xente. 

Cristina traballaba nun supermercado e cando o seu pai se xubilou como taxista díxolle que quería probar e xa leva 11 anos conducindo o taxi. 

As dúas aseguran que están moi contentas co seu traballo. Ser taxistas no rural é moito máis que conducir, sen transporte público, elas son un servizo imprescindible para moita xente.

A maioría dos desprazamentos son persoas maiores que non teñen coche ou xa non poden conducir e lévanos ao médico, ao supermercado, ao banco ou á farmacia. Agora no verán tamén din que teñen algún servizo para trasladar os turistas ata os aeroportos de Vigo ou Santiago de Compostela. 

Ademais as dúas realizan co persoal sanitario do Sergas as saídas do centro de saúde aos domicilios, e tamén fan rutas escolares onde falta o servizo de transporte escolar. 

Nos comezos tiveron algunha dificultade con algunha xente, sobre todo homes, que pensaba que non serían capaces de facer o seu traballo, pero co tempo conseguiron gañar a confianza e o respecto de toda a súa clientela e de toda a veciñanza de Montederramo. 

Hai uns anos había seis taxistas en Montederramo, agora só quedan os taxis de Cristina e Natalia.
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade