Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ducias de galegos continúan atrapados no aeroporto de Londres pola neve

Ducias de galegos continúan atrapados no aeroporto de Londres pola neve

Non saben cando poderán volver e quéixanse de que non reciben ningunha información

Moitos non teñen nin a súa equipaxe e só puideron cubrir unha folla de reclamacións 

G24.gal 12/12/2022 18:36 Última actualización 12/12/2022 19:07

Ducias de galegos permanecen en Londres atrapados sen saber cando poderán volver á casa tras unha forte nevarada en gran parte do Reino Unido que provocou unha alteración nos medios de transporte, co peche temporal de varios aeroportos.

Un avión da aeroliña Ryanair, que debía aterrar a pasada madrugada en Santiago de Compostela, figura entre os que permanecen parados no aeroporto londiniense de Standset por mor da neve.

Parte da pasaxe permanece cansada e preocupada tras unha noite nas dependencias do aeroporto. Están indignados porque din que a compañía aérea desatendeu as súas obrigas, e só lles recomendaban pedir unha folla de reclamacións.

“Estamos aquí 250 galegos case secuestrados. Cancelaron o voo, pero dinnos que busquemos a vida”, conta por teléfono Marcos Martín-Sonseca, un dos pasaxeiros.

Martín-Sonseca viaxa coa súa parella e os seus dous fillos. Facturaron os carriños dos nenos antes de que o voo quedara atrasado e non saben nada deles nin do resto da equipaxe. Por este motivo os pequenos tiveron que durmir no chan, igual que moitas persoas de idade avanzada que non conseguiron unha cadeira onde botar unha cabezada.

Segundo os pasaxeiros atrapados, comeza a notarse a crispación e a tensión despois de tantas horas sen información, con axentes de Policía percorrendo a zona de embarque. Na tarde deste luns aumentou a incerteza entre os pasaxeiros ao saber que o voo foi definitivamente cancelado.

A xente acode a máquinas dispensadoras de comida rápida coa sospeita de que ninguén se vai facer cargo dos seus gastos. Os pasaxeiros comprenden que a nevarada bloqueou os voos, pero reprochanlle á aeroliña unha xestión nefasta da situación dos seus clientes.

"Non nos informaron en ningún momento nin nos mandaron un correo electrónico. Nunca nos informaron de que o voo estaba cancelado", contaban diferentes pasaxeiros galegos atrapados no aeroporto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade