Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Congreso inicia a reforma da lei do 'só si é si'

O Congreso inicia a reforma da lei do 'só si é si'

A iniciativa socialista saíu adiante cos votos do PP, Cs, PNV e PDeCAT

O PSOE defende ante os reproches de Podemos a reforma: "Deixen a hipérbole e fálennos de solucións"

Podemos acusa os socialistas de traizoaren as mulleres e aliarse con PP e Vox

G24.gal 07/03/2023 20:44 Última actualización 07/03/2023 22:09

O Pleno do Congreso aprobou a toma en consideración  da proposta do PSOE para reformar a lei do só si é si tras obter o apoio do PP, Cs, PNV e PDeCAT. Vox abstívose.

Unidas Podemos, incluídas a vicepresidenta Yolanda Díaz e mais a ministra de Igualdade Irene Montero, votaron en contra. Tamén o fixeron outros dos socios de investidura, coma ERC e EH Bildu.  A iniciativa recibiu 231 votos a favor, 58 abstencións e 56 en contra, entre os que estaba o do BNG.

Andrea Fernández, PSOE: "A conclusión é evidente: a lei non está funcionando adecuadamente e polo tanto hai que modificala, hai que ser consecuentes e responsables".

O que para o PSOE é un acto de responsabilidade, para Podemos é unha traizón ao só si é si.

Así o di a deputada Lucía Muñoz: "Este foi o berro de miles de mulleres nas rúas que hoxe vostedes traizoan. Señorías do PSOE, non lles están fallando aos seus votantes, estanlles fallando a todas as mulleres".

Os socios de Goberno escenificaron no Congreso posturas irreconciliables para reformar a lei.

Lucía Muñoz, Unidas Podemos: "Hoxe vostedes alíanse con Vox e co PP para volver ao Código Penal de La Manada".

Andrea Fernández, PSOE: "Estamos cansos das súas peroracións. Deixen a hipérbole e fálennos de solucións, que é o maduro e o serio. Cando se trata de cuestións de tanta relevancia non importa o con quen senón o para que".

Un intercambio de reproches que lles afeou o bloque da investidura. Divididos nas posturas, pero a favor da negociación.

"É de vergoña, que cren que pensan as mulleres? Ímoslles pedir que decidan a quen dos dous queren máis?", din en Esquerra Republicana. Os de Bildu pídenlles aos socios de Goberno: "Actúen con responsabilidade. Dialoguen, negocien, acorden".

Néstor Rego, do BNG, manifestou: "Non imos apoiar esta proposta, e o que lles pedimos aos partidos do Goberno é que traian aquí unha proposta conxunta".

Tanto Vox coma o PP urxen a acelerar a reforma da lei, e esixen dimisións.

"Señores do Goberno, xa demostraron que a vostedes os dereitos das mulleres non lles importan nada. Pidan perdón e dimitan", di Carla Toscano, de Vox.

Cuca Gamarra, do PP, apela ao PSOE e a Podemos: "Si que se pode, pódese dimitir. E señores do PSOE, pódese cesar. O só si é si superou todos os límites do soportable para a sociedade a para as mulleres".

O PP acusa o PSOE de querer reformar a lei non por convicción, senón por intereses electorais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade