Edmundo González di que estará o 10 de xaneiro en Venezuela para asumir a presidencia
Edmundo González di que estará o 10 de xaneiro en Venezuela para asumir a presidencia
O candidato opositor preséntase na Toxa como presidente electo recoñecido por 30 países
Cre que chegou a hora de que España faga valer o seu peso na UE
Edmundo González presentouse na Toxa como un máis dos millóns de venezolanos exiliados desde a chegada do chavismo ao poder, no seu caso "a causa de presións inenarrables e ameazas extremas que tocaban mesmo ao máis próximo da miña vida familiar".
Iso si, a diferenza da maioría, o candidato opositor di que a súa saída é temporal.
"O dez de xaneiro vou tomar posesión do meu cargo como presidente electo de Venezuela. O presidente Maduro adiantou o Nadal ao primeiro de outubro. Non sería raro que poida eu adiantar tamén o meu regreso", dixo González Urrutia.
Tras difundir a Fundación Carter as supostas actas dos comicios do pasado 28 de xullo, e que certificarían a súa vitoria, cre que só falta vontade política para que o mundo faga recapacitar a Maduro. E diríxese especificamente a España.
"Considero chegada a hora de solicitarlles con máis empeño que nunca o moito que esta España pode facer para contribuír ao propósito de que en Venezuela se faga valer a soberanía popular", instou o líder opositor.
Tras dúas décadas de retroceso nas relacións bilaterais, González Urrutia animou as empresas españolas a volver a investir en Venezuela, iso si, unha vez recuperada a normalidade institucional.