Educación e os sindicatos negocian a redución do número de alumnos por aula
Educación e os sindicatos negocian a redución do número de alumnos por aula
O luns a Consellería de Educación entregaralles aos sindicatos o documento coa nova proposta
O conselleiro Román Rodríguez móstrase prudente ao avaliar os avances da mesa sectorial, que se reuniu este venres
"Máximo respecto á negociación, máxima vontade de querer chegar a acordos e máximo interese en facelo porque entendemos que as medidas son tremendamente boas para o sistema. Nunha negociación, sempre ten que haber cesións por parte dos negociadores", di o Conselleiro de Educación.
Tras as reunións da Mesa do Ensino desta semana, Educación ultima agora o documento final coa proposta para a redución do número de alumnos por clase. O obxectivo é chegar a un máximo de 20 por aula tanto en infantil coma en primaria. A pretensión dos sindicatos é estender este plan á ESO, ao bacharelato e á FP. Piden tamén unha rebaixa do horario lectivo. Román Rodríguez confía nas posibilidades dun acordo que permita planificar o sistema educativo dos próximos anos.
Para ser capaces de racionalizar toda a estrutura do sistema educativo, garantir a estabilidade do profesorado e introducir melloras de atención á diversidade, por exemplo, que o alumno que ten unha discapacidade compute á hora de organizar os cursos máis que un alumno sen a mesma, explica.
En materia retributiva, a Administración propón un incremento para o persoal que desempeña tarefas directivas no centro e un complemento especifico mensual en base á formación permanente dos docentes.