Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os EUA intensifican o envío de axuda en Gaza á espera dun cesamento do fogo

Os EUA intensifican o envío de axuda en Gaza á espera dun cesamento do fogo

Avións militares lanzan 38.000 paquetes de comida sobre a Franxa

Carga dos alimentos nos avións militares Carga dos alimentos nos avións militares
G24.gal 03/03/2024 08:14 Última actualización 03/03/2024 09:23

Avións militares estadounidenses lanzaron uns 38.000 paquetes de comidas en Gaza, á espera de que Israel e Palestina acorden un alto ao fogo de seis semanas antes do inicio do Ramadán, o vindeiro 10 de marzo.

As organizacións humanitarias que traballan na zona considera que esta axuda, que non inclúe nin auga nin menciñas, está moi lonxe de satisfacer as necesidades dos máis de 2 millóns de persoas que se enfrontan á fame negra na Franxa.

É a primeira vez, dende o inicio do conflito, que a Casa Branca lanza asistencia dende o aire.

"Estamos a analizar as rutas terrestres, marítimas e aéreas para asegurarnos realmente de que estamos a explorar todas as oportunidades", dixo un alto funcionario dos EUA.

Esta semana o Goberno dos Estados Unidos anunciou o envío de 53 millóns de dólares en axuda humanitaria para a Franxa de Gaza e Cisxordania a través da súa Axencia para o Desenvolvemento Internacional.

Posible tregua

Washington asegura que Israel aceptou "máis ou menos" unha proposta de cesamento do fogo de seis semanas en Gaza, pero Hamas aínda non concretou unha "categoría definida de reféns vulnerables" que poderían ser liberados.

"O camiño cara a un cesamento do fogo agora mesmo é sinxelo. Hai un trato sobre a mesa. Os israelís aceptárono máis ou menos. E podería haber un cesamento do fogo de seis semanas en Gaza a partir deste domingo, se Hamas accede a liberar unha categoría definida de reféns vulnerables", anotou un funcionario estadounidense.

En case cinco meses de guerra morreron na Franxa de Gaza máis de 30.200 persoas, incluídas as que faleceron o xoves nun ataque israelí contra poboación civil que agardaba a súa quenda para recibir alimentos. O Goberno xudeu sostén que se produciu unha avalancha.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade