O PP revalida a maioría absoluta ante un BNG en máximos e un PSdeG que afunde
O PP revalida a maioría absoluta ante un BNG en máximos e un PSdeG que afunde
É a quinta maioría absoluta do PP e a primeira de Rueda
Democracia Ourensana entra no Parlamento por primeira vez
Sumar, Podemos e Vox quedan fóra do Pazo do Hórreo
O PP afianza o seu feudo en Galicia e poderá gobernar esta comunidade outros catro anos, ao conseguir a súa quinta maioría absoluta consecutiva, cun desgaste menor de só dous deputados respecto aos últimos resultados que lograra Alberto Núñez Feijóo antes de marchar a Madrid.
O seu sucesor, Alfonso Rueda, logrou 40 escanos nas eleccións autonómicas deste domingo. De 42 anos de autonomía, os populares gobernaron en 36 e poderán chegar aos 40 anos se completan a próxima lexislatura e non hai adianto electoral.
O BNG de Ana Pontón acadou un ascenso de seis escanos, ata os 25, á conta dun PSdeG-PSOE que cultiva os seus peores resultados históricos, ao caer ás nove prazas nun Parlamento galego no que debutará Democracia Ourensana, o partido do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. Nin Vox nin Sumar logran representación.
Á espera do escrutinio, o vindeiro luns 26 de febreiro, dos sobres dos 29.300 galegos residentes no estranxeiro que participaron nestas eleccións (un 6,15 % do Censo Electoral dos Residentes Ausentes), o PP consegue unha vitoria incontestable en Galicia, que tamén axuda a consolidar o liderado de Feijóo.
Tras adiantar cinco meses as eleccións en Galicia, facéndoas coincidir co debate da Lei de Amnistía, e despois dunha campaña cunha intensa implicación de Feijóo (fixo campaña na comunidade 13 dos 15 días durante os que se pode pedir o voto), os populares concentran o 47,4 % dos apoios.
Co 97 % do voto escrutado, os populares lograron que se introduciran nas urnas 51.400 votos máis respecto ás anteriores autonómicas. Perderon un escano pola Coruña e outro por Lugo.
Ascenso do BNG
Os nacionalistas partían xa dun dos mellores resultados da súa historia: os 19 escanos que obtiveran no 2020, pero nas eleccións deste domingo rompen o seu teito tamén en votos, ao conseguir meter nas urnas 454.500 papeletas, co 97 % dos sufraxios escrutados.
Ana Pontón, deputada desde 2004, pasou de tomar as rendas en 2016 dunha organización rota tras a escisión de 2012, a triplicar o número de escanos e volver ser a segunda forza política no Parlamento galego nos comicios de 2020.
Nas deste domingo, os nacionalistas consolídanse como a segunda forza ao lograr seis deputados máis: dous pola Coruña, outros tantos por Pontevedra, e senllos por Lugo e por Ourense.
Afundimento socialista
Pola contra, as esperanzas de Ferraz de que José Ramón Gómez Besteiro fora o candidato co que se retomase a tendencia á alza interrompida nas eleccións de 2012 (cando o PSdeG empezou a caer en número de deputados, ata converterse en 2016 en terceira forza), topáronse este domingo coa realidade de cultivar os seus peores resultados históricos.
A implicación de Pedro Sánchez na campaña en Galicia, onde o último mes estivo en oito ocasiones, así como a do PSOE, con xornadas de ata cinco ministros á vez na comunidade e a participación do expresidente José Luis Rodríguez Zapatero en media ducia de mitins, non lograron frear o retroceso de máis de cinco puntos na porcentaxe de apoios.
Este domingo introducíronse nas urnas 50.000 papeletas menos que en 2020 do puño e a rosa, o que se traduciu en cinco escanos menos: dous menos por Pontevedra, outros tantos menos por Ourense e un menos pola Coruña.
Unicamente estabilízanse con dous escanos en Lugo, a provincia de Besteiro, que apenas tivo uns meses para rodarse como candidato, despois de que no 2016 tivo que renunciar a enfrontarse a Feijóo pola presidencia da Xunta e acabou dimitindo por imputacións de corrupción das que foi eximido.
Democracia Ourensana
Democracia Ourensana presentouse ás autonómicas no 2005, 2009, 2012 e 2016 sen lograr entrar no Parlamento, pero crecendo en número de votos. Nas autonómicas de 2020 o PP chegara a un acordo coa formación de Jácome para non concorrer ás eleccións, pero este domingo conseguiu máis de 14.000 votos e debutará no Pazo do Hórreo.
Fracaso de Sumar, Podemos e Voz
Malia lograr 4.000 votos máis respecto ás pasadas autonómicas e conseguir 32.000 apoios, Vox queda lonxe da barreira do 5 % para entrar no Parlamento. Galicia é a única comunidade autónoma que non lle reportou aos de Santiago Abascal ningún escano na Cámara galega e no Congreso (só ten unha concelleira en Avión).
Os 27.700 votos de Sumar non se rendibilizan tampouco en escanos, co que non logra base territorial na comunidade natal da súa líder e vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, na súa primeira incursión nuns comicios autonómicos.
A entrada no Parlamento galego era importante para Sumar, que se atopa en proceso para articular unha fronte ampla de partidos a nivel estatal coa súa asemblea fundacional prevista para o 23 de marzo.
Tampouco lograron rendibilizarse os 3.800 votos de Podemos, que decidiu concorrer á marxe de Sumar nestas eleccións e queda por detrás de opcións como PACMA.
Minuto a minuto
Abren as súas portas os colexios electorais, 2.300 repartidos por toda a comunidade. Estárán abertos ata as oito, cando comezará o reconto para coñecer os resultados.
Constituídas todas as mesas electorais en Galicia logo de non rexistrarse incidencias salientables na súa apertura
Pasadas ás 9.30 da mañá, a candidata do BNG, Ana Pontón, depositaba o seu voto no centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago. "Animo a unha participación masivo poruque nos estamos xogando o noso presente e o noso futuro"
Todo preparado xa no Centro de Prensa das Eleccións ao Parlamento de Galicia, situado no edificio da Xunta, en San Caetano. Desde alí farase desde primeira hora o seguimento da xornada electoral e darase conta de todos os datos en catro comparecencias. Ás dez e media da mañá informarase sobre a apertura dos colexios, a constitución das mesas electorais e posibles incidencias; ás doce e media da mañá e ás cinco e media da tarde haberá senllas comparecencias coas porcentaxes de participación.
Confírmase a apertura e constitución da totalidade de mesas electorais en Galicia sen incidentes reseñables, salvo cinco pequenos retrasos. Tres na provincia de Pontevedra, en dúas mesas electorais de Vigo e outro nun colexio de Ponteareas, e outros dous na provincia de A Coruña, en colexios dos concellos de Culleredo e Boqueixón.
Ás doce do mediodía haberá unha nova comparecencia de prensa dende o centro de datos para dar conta da participación nas urnas nesta xornada electoral ata ese momento
O candidato do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, votou no CEIP Rosalía de Castro de Lugo ás once e media da mañá. Animou " a todos a ir a votar para sumar á festa da democracia e decidir o futuro de Galicia"
O candidato do PPdeG, Alfonso Rueda votou pasadas as once e media da mañá no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra "Pido ser exemplo de participación e normalidade que Galicia vote se anime a votar con sentidiño"
A participación é do 17'8% ás doce do mediodía. Máis de dous puntos menos que en 2020
A candidata de Sumar Galicia, Marta Lois, votou no instituto Antonio Fraguas da capital galega as doce do mediodía. Destacou que "hoxe é un día de moita ilusión e esperanza e quero facer un chamamento á participación democrática. Que non quede ningunha papeleta na casa"
Por provincias en A Coruña votaron ata o momento o 16'67% dos electores (153.179), un 2'12% menos que en 2020, en Lugo, o 17'71% ( 47.187), o 0'49% menos, en Ourense , 19'27% (48.501), un 2'43% e en Pontevedra o 16'64% (128.303), un 3'21% menos que nos anteriores comicios.
A candidata de Podemos Galicia, Isabel Faraldo, votaba, pasadas as doce do mediodía, no seu colexio electoral da Coruña: "Hoxe tedes que estar todos nas urnas, galegos e galegas, para dicir que o cambio en Galicia é posible"
O líder de Democracia Ourensá (DO), Gonzalo Pérez Jácome, e o candidato á Xunta, Armando Follea, depositaron o seu voto está mañá na cidade das Burgas, animando a "todos a votar" porque "o abstencionismo non ten sentido" ao deixar que "outros decidan por nós" asegurou Pérez Jácome.
O candidato de Vox á presidencia da Xunta, Álvaro Díaz-Mella, votou con "moita ilusión" este domingo no Colexio Electoral Casa das Artes, no centro de Vigo. O candidato de Vox seguirá o escrutinio das eleccións desde o Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago de Compostela.
29.300 galegos residentes no estranxeiro votaron nestas eleccións autonómicas de 2024, o que supón un 6,15% dos 476.514 que forman parte do Censo Electoral dos Residentes Ausentes (CERA).
Sumar denuncia unha agresión a un apoderado da súa formación por parte doutra apoderada do PP nun colexio electoral de Vigo. Fontes do PP local trasladan que "tanto o apoderado como testemuñas desmenten que fora unha agresión". Ambos os dous partidos aseguran que as dúas persoas implicadas remataron no hospital.
A candidata do PP de Lugo, Elena Candia, denuncia ante a Policía Local sentirse "intimidada" por unha muller que mostraba unha actitude "desafiante" e lle facía fotografías. A muller alegou que era xornalista
CRÓNICA Que está en xogo este 18F?
A participación no conxunto de Galicia é do 49,17 % ás 17:00 horas. Son 6,20 puntos máis ca no 2020. Ata este momento votaron 1.090.159 persoas.
Por provincias, na Coruña votaron ata o momento 448.660 persoas (o 48,5 % do censo), 5,7 puntos máis ca nos comicios anteriores. En Lugo, depositaron a papeleta máis de 133.390 persoas (o 49,7 % do censo), 7,8 puntos máis ca no 2020. En Ourense, 126.484 exerceron o dereito (o 50 %), 7,5 puntos por riba. En Pontevedra, votaron 381.684 persoas (o 49,3 %), 5,7 puntos máis que hai catro anos a esta hora.
É a participación ata as 17:00 horas máis alta dende os comicios de 2009, cando Alberto Núñez Feijóo conseguiu a súa primeira maioría absoluta.
A participación supera xa o total acadado nas eleccións de 2020 que rematou cun 48,9 %. Naqueles comicios houbo un 51,03 % de abstención.
Queda menos dunha hora para o peche dos colexios electorais. Ás 20:00 horas coñeceremos a enquisa de GAD3 para a CRTVG.
ENQUISA DE GAD3 PARA CRTVG
O PP conseguiría a súa quinta maioría absoluta consecutiva, segundo a enquisa de GAD3 para a CRTVG. Co 45,9 %, os de Alfonso Rueda obterían entre 39 e 40 escanos, cando hai catro anos tiña 42. O BNG de Ana Pontón subiría con forza, co 33 % dos votos. Conseguiría entre 25 e 26 deputados, cando en 2020 tiña 19. Pola súa banda, os socialistas de José Ramón Gómez Besteiro, co 12,5 % dos votos, quedaría con 9 ou 10 escanos. Na actualidade tiñan 14.
Nin Vox (co 3,1 % dos votos) nin Sumar, (co 2,5 %) obterían representación. En cambio, Democracia Ourensana, co 0,7 % dos votos, podería conseguir un representante no Hórreo.
Na Coruña, o PP tería 13 deputados (baixa un), o BNG 9 (2 máis) e o PSdeG 3 (1 menos). En Lugo, o PP tería 8 (un menos), o BNG 4 (un máis) e o PSdeG mantería os seus 2 representantes. En Ourense, o PP conservaría os seus 8 deputados, o BNG subiría a 4 (tiña 3), o PSdeG quedaría con 1-2 (cando tiña 3) e Democracia Ourensana podería conseguir un ou ningún. En Pontevedra, o PP tería entre 10-11 deputados (agora ten 11), o BNG repuntaría a 8 ou 9 (agora ten 6) e o PSdeG quedaría con 3 (tiña 5).
A enquisa de Sondaxe para La Voz de Galicia dálle 39 escanos ao PP, 25 ao BNG e 11 ao PSdeG. Tamén contempla a posibilidade de que Democracia Ourensana entre no Parlamento.
A sondaxe de Sigma Dos para El Mundo outórgalle ao PP entre 38 e 40 escanos, ao BNG 24-25 e ao PSdeG 10-12. Ademais, prognostica un escano para Democracia Ourensana.
Comeza o reconto. Con máis do 6 % escrutado, o PP obtén 45, o BNG 20 e o PSdeG 10
Con máis do 20 % do voto escrutado, o PP lidera o reconto con 42 escanos. Séguenlle o BNG con 22 e o PSdeG con 10. A continuación, sitúase Democracia Ourensana con 1.
Con máis do 50 % escrutado, o PP obtén 42 escanos, o BNG 22 e o PSdeG 10. Democracia Ourensana acada un asento.
Con máis do 55 % escrutado, o PP perde un escano e sitúase nos 41. O BNG suma outro e obtén 23 e o PSdeG segue con 10. Democracia Ourensana mantén o seu asento.
Con máis do 70 % escrutado, o PP perde dous escanos e sitúase nos 40. O BNG suma cinco e acada 24. O PSdeG segue con 10 e Democracia Ourensana con 1.
Con máis do 80 % escrutado, o PP perde dous escanos e acada 40. O BNG suma seis e sitúase nos 25. O PSdeG perde cinco e queda con 9. Democracia Ourensana entra no Parlamento con 1.
As eleccións galegas rexistraron unha participación histórica do 67,21 %. Son 18,25 puntos máis ca nos comicios de 2020. Nestas autonómicas, a abstención foi dun 32,78 %, a máis baixa da democracia nunhas eleccións galegas.
Por provincias, Lugo foi a que rexistrou unha maior afluencia ás urnas, cun 69,76 % de participación. Seguiulle Ourense, cun 68,78 %. En Pontevedra, foi do 67,31 % e na Coruña do 65,99 %.
Co 98 % do voto escrutado, o PP consegue revalidar a maioría absoluta malia perder dous escanos. O BNG, que gaña seis deputados, consolídase como líder da oposición e o PSdeG, que segue en descenso, perde cinco.
Isabel Faraldo tras quedar Podemos fóra do Parlamento: "Sen un Podemos forte non hai cambio. Hoxe non acaba nada, hoxe empeza todo".
O candidato do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asume a derrota e promete traballo dende a oposición no Parlamento.
O presidente de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, amósase satisfeito cos resultados malia non ser chave: "Van cambiar as cosas".
Marta Lois, líder de Sumar Galicia, recoñece uns "malos resultados, sen paliativos".
A candidata do BNG, Ana Pontón, recoñece un resultado "insuficiente" porque o obxectivo era "abrir un tempo novo".
O presidente de Vox, Santiago Abascal, recoñece que Vox non logrou un "bo resultado" e lamenta o triunfo "da estafa política" do PP.
Alfonso Rueda asegura que Galicia enviou "unha mensaxe clara a España" de que "non quere chantaxes".