O mildio empeza a aparecer nas comarcas do Condado, O Rosal e O Salnés
O mildio empeza a aparecer nas comarcas do Condado, O Rosal e O Salnés
Desde a Estación Fitopatolóxica do Areeiro aconsellan segar a herba das viñas e empezar a aplicar tratamentos de maneira precisa con pistola en canto se detecte
Investigan fórmulas para axustar o uso dos funxicidas a partir da medición dos índices de fungos no pole
A calor da semana pasada axudou a que agromaran as vides e atrás veñen coma sempre os fungos, favorecidos pola humidade destes días. Xa se detectaron as primeiras manchas de mildio nas zonas do Salnés, O Condado e o Rosal.
Desde a Estación Fitopatolóxica do Areeiro recomendan prestar especial atención para detectalo axiña e tomar medidas que eviten que o colla unha dimensión que fai que sexa moito máis difícil de atallar.
"Convén facer xa os primeiros tratamentos e é moi importante segar as viñas".
Rosa Pérez Otero, xefa da Sección de Artrópodos e control integrado da Estación Fitopatolóxica lembra tamén a importancia de que non vaia moito vento no momento de aplicar os pesticidas, o máximo permitido son tres metros por segundo, o que equivale a uns 10-11 quilómetros por hora.
Nestas primeiras fases de crecemento da vide é aconsella non empregar o atomizador; é preferible acoplarlle a pistola para facer unha aplicación máis axustada, porque de momento hai escasa vexetación. Recalca que ter en conta estas cousas axuda tanto a aforrar como a contaminar menos.
Ademais, agás nos casos de produción ecolóxica que non se podería, a indicación é empregar un funxicida sistémico ou penetrante, aproveitando os momentos en que non chove. Esta recomendación é valida para toda a primavera, cando a meteoroloxía cambiante favorece máis a expansión do mildio.
"Os tratamentos penetrantes van facer a súa función sempre que a viña estea seca no momento de tratar e despois permaneza seca unha hora máis".
Os investigadores do Areeiro insisten na importancia de axustar ben os tratamentos ás necesidades de cada momento e nesa liña, amais da observación constante, están investigando como facer un seguimento preciso da presenza de fungos a través dos medidores de pole: "Pretendemos ser quen de sacar un modelo matemático que apoie as decisións de tratar ou non tratar", explica Rosa Pérez.