Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta e sindicatos agrarios constitúen unha mesa de traballo para apoiar a DO Ribeira Sacra

A Xunta e sindicatos agrarios constitúen unha mesa de traballo para apoiar a DO Ribeira Sacra

Unións Agrarias asegura que hai "boa disposición" por parte da Xunta para dar saída aos excedentes de viño tinto que se acumulan nas adegas debido á baixada no consumo

O Sindicato Labrego Galego non ve medidas concretas que salven a vendima e manteñen as mobilizacións 

G24.gal 13/09/2024 11:48 Última actualización 13/09/2024 16:29

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, xunto a representantes de sindicatos agrarios, acordou este venres constituír unha mesa de traballo e de colaboración mutua para apoiar a zona de produción vitivinícola da Ribeira Sacra.

Así o asegurou Alemparte ante os medios despois da reunión, na que tamén participou o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e o da PAC e Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, ademais de representantes dos sindicatos Unións Agrarias e Asociación Agraria Galega.

Segundo explicou Alemparte, o obxectivo da reunión era abordar a situación que atravesa a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, unha conxuntura que motivou a constitución desta mesa de traballo, que se enmarca no diálogo aberto con todos os axentes do sector.

Neste sentido, destacou que se organizarán mesas de traballo cos axentes implicados para "analizar conxuntamente a situación actual da DO Ribeira Sacra" ante a "crise" actual de excedentes debido á caída no consumo de viño tinto

Ademais, lembrou as medidas anunciadas no Consello do pasado 2 de setembro, que inclúen axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, cunha dotación de 2 millóns de euros, así como axudas para a destilación de crise aprobada para esta DO, cun investimento de 500.000 euros de fondos propios destinados á xestión do excedente de viño.

Segundo sinalou a Xunta nunha nota de prensa, estas medidas "compleméntanse" con outras dirixidas ao sector vitivinícola no seu conxunto, como a ampliación da formación e a divulgación das axudas da PAC, ou as achegas para que os adegueiros poidan acceder a préstamos destinados á recolección de uva.

Pola súa banda, un dos representantes da Asociación Agraria Galega esgrimiu que o obxectivo é que "ningún viticultor quede con uvas e sen poder vendelas".

Con todo, Félix Portos, responsable de coordinación sectorial de Unión Sagrarias, lembrou que este venres convocaran unha mobilización que, finalmente, suspendeuse.

"As mobilizacións non son un fin en si mesmo. A razón de convocar unha mobilización, obviamente, é conseguir os obxectivos que nos fixamos previamente e, loxicamente, o diálogo. Sen diálogo non se pode chegar a ningún tipo de entendemento", subliñou.

Neste sentido, valorou "moi positivamente" a reunión deste venres e fixo fincapé na importancia das próximas reunións para ver "como solucionar o problema de forma inmediata" e que ninguén "quede coas uvas colgadas sen vender a un prezo digno".

Pola súa parte, o Sindicato Labrego Galego continúa coas protestas porque a día de hoxe non ven medidas concretas para salvar a vendima. 

A mesa de traballo volverá reunirse nos próximos días.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade