Publicador de contidos
Publicador de contidos

"Vegana.gal" celebra en Vigo o estilo de vida vegano e comprometido co medio ambiente

"Vegana.gal" celebra en Vigo o estilo de vida vegano e comprometido co medio ambiente

G24.gal 26/10/2024 22:20

A feira de mostras máis importante do veganismo na península Ibérica Vegana.gal reúne esta fin de semana en Vigo profesionais que venden produtos sen ingredientes de orixe animal, expertos na dieta vegana e activistas dun estilo de vida comprometido co medio ambiente. Na edición anterior do evento xuntaron máis de doce mil visitantes, unha cifra que agardan mellorar entre hoxe e maña. 

Coma en todas as feiras de mostra, e nesta tamén, hai unha parte comercial. Vegana.gal conta con 90 postos de distintos produtos, alimentos, cosmética ou roupa, que non contén nada de orixe animal. Tamén ten unha parte de restauración, con establecementos que ofrecen desde unha zorza sen carne a unha filloa sen leite de vaca.

Pero sen dúbida o que máis atención suscita, coas bancadas cheas, son os relatorios de activistas e expertos de primeiro nivel neste micromundo do veganismo, que existe desde os anos corenta. É o caso do famoso nutricionista e escritor Aitor Sánchez que combate os mitos e as falisidades sobre as dietas veganas. 

O nutricionista, dietista e escritor Aitor Sánchez, moi coñecido nas redes como @midietacojea levou a esta feira o relatorio "Como combater mitos e falsidades sobre as dietas veganas".  

"O que necesitamos como sociedade é facer unha transición. Agora mesmo comemos demasiada carne, demasiados produtos animais. E se pouco a pouco o imos cambiando, introducindo algo máis de cantidade de froitos secos e de legumes no noso día a día poderemos facer un gran cambio para cos animais, para a saúde e tamén para o medio ambiente", explica a TVG Aitor Sánchez,  dietista e nutricionista.

Dez dos trinta proxectos de Vegana.gal teñen que ver co activismo. Mauricio García destapou a crueldade dun matadoiro en Francia no que el traballou sete anos. Dese entón avoga polos dereitos animais

"Eu estou seguro de que se a maioría da poboación mundial fose vegana ou vexetariana, un 60 % que sería unha tolada, moitísimo, acabaríanse as guerras, a fame no mundo, o supercapitalismo...", explica Mauricio García Pereira, activista polos dereitos dos animais.

Relatorios, activismo, restaurantes e tamén noventa postos con produtos veganos, Vegana.gal é algo máis que unha feira de mostras. 

 "O veganismo é unha forma de estar no mundo, afecta á roupa, quen a produce, aos cosméticos... aquí atopamos desde servizos que están asociados a unhas boas condicións de traballo e a unha maior sostibilidade do planeta, e que non se usen produtos de orixe animal", aclara Tamara Alonso, que é a cofundadora da feira Vegana.gal. 

Na edición anterior houbo máis de dez mil visitantes. A organización agarda que esa cifra se supere nesta edición de 2024. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade