Empeza o curso académico nas universidades galegas
Empeza o curso académico nas universidades galegas
Preto de 11.000 alumnos empezan estudos universitarios
Os universitarios volven aos campus galegos. Preto de 11.000 fano por primeira vez.
O balbordo en corredores mestúrase coa actividade nas aulas. E as presentacións académicas, onde os nervios afloran ante o descoñecido.
"Moita tranquilidade, que gocen moito deste primeiro día e tamén do curso que os agarda. Que sempre imos estar aquí, ao seu carón, para guialos", di María José Lombardía, vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade da UDC
Na Facultade de Matemáticas estréase Noelia. É de Verín e non coñece a ninguén, pero hoxe comeza a materializar o seu soño.
"Sinto un pouco de todo. Un pouco de nervios e ilusión. Vin porque me encantaría ser profesora. Encántanme as matemáticas e gustaríame transmitilo ao meu alumnado", comenta Noelia Quintairos.
"Queremos que esas emocións nos permitan cociñar un bo curso de aprendizaxe, de afecto, de espazos compartidos", afirma Elena Vázquez, decana da Facultade de Matemáticas da USC.
A vida universitaria é máis que clases. Sábeo ben esta futura enxeñeira informática.
"Para min é un cambio radical porque levo no mesmo centro desde que era pequena e apetéceme moito o cambio de aires, facer algo completamente novo", opina Eva Vasconcellos.
E Marta engade: "Si. O cambio universitario. Xa nos comentaron de festas. Xa puxeron polo grupo".