Publicador de contidos
Publicador de contidos

Empregados de Twitter abandonan a empresa en masa tras o ultimato de Musk

Empregados de Twitter abandonan a empresa en masa tras o ultimato de Musk

Medios estadounidenses aseguran que o propio Elon Musk e os seus asesores están tentando convencer algúns dos traballadores que anunciaron a súa marcha e que consideran esenciais para o funcionamento da empresa

G24.gal 18/11/2022 12:05

Varios empregados de Twitter anunciaron este xoves na propia rede social que decidiran abandonar a compañía, despois do ultimato lanzado polo seu novo propietario, Elon Musk, que os instaba a traballar duro ou a abandonar a firma.

Á marxe deses propios anuncios dos empregados nas redes, medios estadounidenses como The New York Times, citando fontes internas da compañía, informan de que moitos empregados optaron por abandonar e que a propia empresa está a tratar de convencer algúns deles para que non marchen.

Segundo a información do Times, o propio Musk e os seus asesores máis próximos están a se reunir con empregados a quen consideran fundamentais para o funcionamento da empresa e pedíndolles que non abandonen.

O diario cifra en centos os traballadores que comunicarían xa á empresa a súa partida.

O mércores, Elon Musk dáballe un ultimato aos empregados no que lles ofrecía elixir entre dúas opcións: comprometerse a traballar longas xornadas e de forma extremadamente dura ou deixar a empresa cunha indemnización de tres meses de soldo.

O propietario da rede social enviaba un correo electrónico ao persoal no que anunciaba que para crear a Twitter 2.0 fará falta "traballar moitas horas a alta intensidade" e que só quen ofreza un "desempeño excepcional" pasará o corte.

"Se estás seguro de que queres ser parte da nova Twitter, por favor pulsa si na ligazón de debaixo", dicía a mensaxe, que engadía unha ligazón a un formulario que cada empregado podía encher.

"Calquera que non o fixera para as 5 pm ET de mañá (xoves) recibirá tres meses de indemnización", engade Musk, dando de prazo ata as 17:00 do xoves, hora de Nova York.

Musk xa realizara unha importante redución do persoal da rede social, onde poucos días despois de facerse co control despediu a aproximadamente a metade dos ao redor de 7.500 empregados que tiña a empresa.

Nos últimos días, tamén despediu a varios empregados que cuestionaron a través da propia rede social algunhas das súas afirmacións sobre o funcionamento de Twitter.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade