Publicador de contidos
Publicador de contidos

En Carballeda de Avia, quen non deposita ben o lixo recíbeo de volta na súa casa

En Carballeda de Avia, quen non deposita ben o lixo recíbeo de volta na súa casa

É a peculiar campaña de reciclaxe posta en marcha polo Concello, pero que está a ter moi bos resultados, xa que reduciron á metade os residuos orgánicos

Tamén abaratou o servizo de recollida do lixo, a taxa está conxelada en 58 euros anuais

G24.gal 19/04/2024 14:11

En Carballeda de Avia o que non fai un bo uso dos colectores do lixo recibe de volta os residuos na porta da súa casa. "Iso ten efectividade? Si, porque os veciños saben que se botan algo que non deben pode chegarse a este extremo e iso dálles vergoña, entón cumpren", explica o alcalde, Luis Milia.

Unha campaña arriscada, pero que calou ben na veciñanza, e agora non hai quen non sexa cómplice do Concello á hora de delatar os infractores. "Reciclamos a maior parte do lixo que xeramos pero hai xente que non fai o mesmo", di un veciño.

Reciclar ben permitiulles reducir á metade os residuos orgánicos e pagar menos por este servizo. A taxa do lixo leva varios anos conxelada en 58 euros anuais por vivenda. "Eu creo que agora a xente recicla bastante ben e está concenciada do que ten que facer", comenta un veciño.

O Concello puxo en marcha esta peculiar campaña, canso de recoller no colector verde animais mortos, restos das matanzas e das podas ou obxectos domésticos."Bota o lixo onde non é, compran unha neveira e a caixa déixana onde botamos o lixo orgánico, e iso non pode ser", quéixase unha veciña.

O Concello conta cun punto limpo móbil de balde e un plan de compostaxe que tamén contribuíu a reducir os residuos orgánicos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade