Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sogama sóbelles aos concellos a recollida do lixo un 60 %

Sogama sóbelles aos concellos a recollida do lixo un 60 %

Atribúen a suba aos impostos estatais que deben pagar

G24.gal 29/08/2024 16:58

A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) prevé incrementar o canon que cobra aos 295 concellos aos que presta servizo dos 66 euros, que cobra actualmente por tonelada, ata os 108 euros por tonelada, o que supón un aumento de máis dun 60 %.

Así o trasladou o presidente da sociedade, Javier Domínguez Lino, aos conselleiros da compañía pública a quen remitiu unha carta este xoves.

Fontes da Consellería de Medio Ambiente, da que depende a empresa pública, reiteran que a subida do canon deriva das recentes decisións adoptadas polo Goberno central no último ano e medio.

Respecto diso, alegan que Sogama xa asumiu durante esas datas "e sen repercutilo aos concellos" un sobrecusto de 39 euros por tonelada de xestión dos residuos "polo impacto de decisións unilaterais do Goberno central".

Fan referencia así ao imposto estatal sobre vertedura e incineración, a orde ministerial que elimina a retribución que recibía Sogama pola planta termoeléctrica de Cerceda e ao imposto estatal de produción de enerxía, aos que a Xunta se opuxo.

Debido a estas decisións, o prezo do actual canon "apenas cobre a metade do custo real" polo que, segundo xustifican en base a un estudo económico, para garantir o equilibrio da empresa é necesario aplicar esta subida que deberán asumir as entidades locais.

Deste xeito, Sogama propón unha subida na cota ata uns 108 euros por tonelada para 2025 aínda que subliñan que o custo real do servizo rolda actualmente os 120 euros por tonelada.

Este aumento deberá estar contemplado nos orzamentos de Sogama para o próximo ano e tamén nas contas autonómicas que a Xunta de Galicia prevé presentar en outubro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade