Publicador de contidos
Publicador de contidos

En Lalín levan as vacas ata na pel

En Lalín levan as vacas ata na pel

Segundo o IGE, é o concello con máis vacas de Galicia, con 15.093 cabezas, das que 12.278 son de leite

O total de cabezas de gando bovino en Lalín é de 27.627 animais, repartidos en máis de 600 granxas

G24.gal 24/08/2023 14:28

O porco é un dos símbolos de Lalín, asociado á súa famosísima Feira do Cocido, pero poderían cambialo perfectamente por unha vaca. Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), correspondentes a 2022, Lalín é o concello con máis vacas de Galicia, con 15.093 cabezas, das que 12.278 son vacas produtoras de leite.

Se ás vacas lles sumamos os machos e os tenreiros, o número de cabezas de gando bovino ascende a 27.627, máis que persoas, xa que na actualidade Lalín rolda os 20.000 habitantes.

Tal é a paixón polas vacas dos lalinenses que un dos seus veciños, Avelino Souto, leva unha tatuaxe da súa vaca preferida no antebrazo.

Avelino, de 24 anos, criouse na gandería Midón, á que se acaba de incorporar como socio, e dese cativo é un apaixonado do gando: foi campión de Europa de preparadores de vacas, presidente co Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia e organizador de Feiradeza, o concurso de gando de Lalín, actividades que compaxina desde hai dúas lexislaturas co cargo de concelleiro na corporación municipal: "O pouco ou moito que levo feito ata agora na vida foi grazas ás vacas. A miña historia empezou nesta granxa e os pequenos ou grandes pasos que levo dado na miña vida todos estiveron vencellados dunha maneira ou outra ás vacas e á miña afección por elas".

O censo gandeiro de Lalín repártese nunhas 600 ganderías de carne e sobre todo de leite. Unha delas é a SAT Carballeiras, que na actualidade conta cunhas 400 cabezas de gando, das que 200 son vacas en muxidura.

Miguel Madriñán, un dos socios máis novos desta granxa, resalta o peso económico da súa actividade no concello: "A gandería de vacún en Lalín dálle traballo a moita xente e á parte diso hai outras derivadas da gandería, xa que sen ela seguro que a xente da vila viviría un pouquiño peor”.

Unha idea na que tamén insiste Avelino Souto: “Hai que recordar que somos un dos concellos máis grandes de Galicia, con máis parroquias e aldeas. Temos máis de 300 aldeas e para nós o rural é fundamental e é do que vive unha gran parte da nosa poboación. Algo que ademais repercute na zona urbana porque a xente do rural vai facer as compras e é a que mantén o comercio na zona urbana. Así que para Lalín é un piar fundamental".

Miguel e Avelino forman parte da nova xeración de gandeiros que están a tomar a remuda das granxas, axudando a manter a Lalín á cabeza do censo bovino en Galicia. Así que xa saben, ademais de capital do cocido, Lalín é tamén a capital das vacas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade