Publicador de contidos
Publicador de contidos

En marcha o operativo para reflotar o narcosubmarino afundido na ría de Arousa

En marcha o operativo para reflotar o narcosubmarino afundido na ría de Arousa

Os investigadores confían en que a mellora das condicións meteorolóxicas permitan conducir a porto a embarcación durante a xornada de hoxe

O delegado do Goberno di que o operativo "vai ben" a afirma que "todas as hipóteses están abertas"

Efectivos da Garda Civil realizan traballos de medición do narcosubmarino
G24.gal 14/03/2023 11:39 Última actualización 14/03/2023 13:20

Efectivos de Garda Civil e Vixilancia Aduaneira retomaron á primeira hora deste martes as tarefas para tentar reflotar o narcosubmarino, que permanece afundido a unha milla da costa da Arousa, fronte ao porto de Vilaxoán (Pontevedra).

Na zona permanecen desprazados unha patrulleira da Garda Civil custodiando a embarcación afundida, efectivos do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS), o remolcador Insuíña Rande (o mesmo que participou no operativo de remolque do narcosubmarino afundido na ría de Aldán en novembro de 2019), unha embarcación de Aduanas e outra do Servizo de Gardacostas da Xunta.

As autoridades agardan que a mellora das condicións meteorolóxicas permitan reflotar durante a xornada de hoxe o semisomerxible e podelo remolcar ata terra. De momento descoñécese a que porto será conducido. Barállanse dúas opcións: o peirao de Vilagarcía ou o porto do Xufre, na Arousa.

O delegado do Goberno, José Miñones, afirmou na Coruña que os labores de reflotamento "van ben" e apunta que "todas as hipóteses están abertas". Crese que o narcosubmarino é máis grande do que se pensaba e recalca que o obxectivo agora é levar a terra a embarcación para podela inspeccionar. Contra as 13.30 horas está previsto que Miñones chegue ao porto de Vilaxoán para supervisar os traballos.

Os investigadores barallan como principal hipótese que esta embarcación, de fabricación caseira e de 15 metros de eslora, estea vinculada coas planadoras que apareceron varadas o pasado 23 en praias de Ribeira.

En 2006 entrou en Galicia o primeiro narcosubmarino

Pasaron máis de quince anos desde a entrada do primeiro narcosubmarino en Galicia. O primeiro somerxible deste tipo foi avistado en Vigo en 2006. En 2019 as forzas de seguridade aprehenderon en Aldán unha embarcación deste tipo cargada con tres toneladas de cocaína.

Víctor Menendez, xornalista epecializado e fundador do Narcodiario, explicou no Bos días  o modus operandi. Está convencido que o narcosubmarino de Arousa está relacionado coas lanchas que apareceron varadas en febreiro en Ribeira aínda que pensa que a diferenza do acontecido en 2019 en Aldán, nesta ocasión o batiscafo xa non leva droga no interior.

A Fundación Galega contra o Narcotráfico pide máis medios para loitar contra os narcos

O xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico analizou no programa A revista o achado desta embarcación. Fernando Alonso cre que o acontecido é unha "labazada de realidade" que reflicte o grave problema que existe en Galicia coa entrada e consumo de estupefacientes. Alonso pide máis medios materiais e humanos para loitar contra o narcotráfico.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade