Veciños de Neda prepararon as súas casas para evitar posibles asolagamentos
Veciños de Neda prepararon as súas casas para evitar posibles asolagamentos
Os afectados polos anegamentos viven moi pendentes dos ríos Belelle e Basteiro
Araceli é unha das veciñas máis afectadas polas riadas. Di que cada vez que chove, o medo volve apoderarse dela. Así que ante a alerta da chegada da borraste Kirk decidiu tomar medidas.
"Tapiei as portas da casa. Agora cando quero saír, teño que saltar. E tamén puxen sacos. Chegou a auga aí e teño medo", comenta.
Ao igual que Araceli, os veciños das casas da zona das Augas viviron estas últimas dúas xornadas en suspense, moi pendentes dos ríos Basteiro e Belelle por se había unha nova enchente e as súas casas acababan de novo asolagadas. "Estivemos dous días sen durmir... río arriba, río abaixo".
Agora están tranquilos porque parou de chover, pero din que o problema segue sen solución. "Pasaron once meses e non se fixo nada". "Apenas limparon... Así que teremos que limpar nós os ríos, non nos vai quedar outra". "Aquí, ningún veciño se recuperou do que pasou en novembro".
Aínda seguen sufrindo pola riada do pasado mes de novembro, en que perderon absolutamente todo, porque temen que ese episodio se repita calquera día. E non entenden como case un ano despois non se tomaron medidas para evitar unha nova catástrofe.