Publicador de contidos
Publicador de contidos

Na provincia de Ourense hai máis persoas octoxenarias que menores de idade

Na provincia de Ourense hai máis persoas octoxenarias que menores de idade

Só a provincia de Zamora se atopa tamén nesta situación, e Lugo está preto de chegar a ela

Xente na rúa en Ourense Xente na rúa en Ourense
G24.gal 18/05/2024 08:32 Última actualización 18/05/2024 10:38

En dúas provincias españolas, Ourense e Zamora, as persoas maiores de 80 anos superan en número ás menores de idade. Segundo os últimos datos de poboación publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), Lugo está preto de chegar a esa situación.

As cifras, actualizadas ao 1 de abril de 2024, revelan que en toda España hai preto de tres millóns de persoas octoxenarias (2.964.575, o 6,1 % do total), por case 8 millóns de menores de idade (7.988.422, o 16,4 %).

En Zamora hai 20.528 persoas maiores de 80 anos por 18.400 menores de 18, un 12,4 % fronte a un 11,1 % respecto á poboación total da provincia. En Ourense son 37.012 por 35.642, un 12,2 % fronte a un 11,7 %.

No primeiro caso a diferenza é de 2.128 persoas e 1,3 puntos porcentuais a favor das persoas maiores de 80 anos e no segundo é de 1.370 e 0,5 puntos porcentuais.

Lugo está relativamente preto de unirse a estas dúas provincias, xa que nela viven 36.610 persoas de 80 ou máis anos, o 11,3 % dá súa poboación, por 39.414 de menos de 18, o 12,1 %.

A zona máis envellecida

As seis provincias con menor diferenza entra as porcentaxes de poboación maior de 80 anos e menor de 18 están no cuadrante noroeste da península: as tres mencionadas máis León (2,2 puntos porcentuais), Salamanca (3 puntos) e Asturias (4,1).

Así mesmo, entre as 25 onde esa diferenza é menor (máis envellecemento relativo) figuran todas as provincias de Aragón, Castela e León e Galicia, ademais de Asturias e Cantabria.

Entre as 25 onde é maior (menos envellecemento relativo) están todas as de Cataluña, a Comunidade Valenciana, Baleares, Madrid, Murcia, Navarra, A Rioxa e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade