En prisión un mozo acusado de case corenta roubos en Ames e Teo
En prisión un mozo acusado de case corenta roubos en Ames e Teo
Só nas dúas horas previas á detención escachou cun seixo a ventá de vinte coches para roubar no interior
A colaboración cidadá foi determinante para o arresto do presunto autor dunha vaga de roubos durante o último ano
O Milladoiro, no concello de Ames, é onde máis roubos con violencia cometeu, e alí foi onde a Garda Civil detivo a andaina delituosa dun home con amplo historial. Preto de corenta delitos nun ano. O seu obxectivo eran os coches aparcados e que tiñan dentro algún obxecto que lle interesara. A súa ferramenta, un seixo para escachar ventás.
"Foi moi importante a colaboración cidadá sen a quen non dariamos ese día con este individuo. Houbo polo menos tres avisos con descrición do home, e as rúas en que se encontraba o que facilitou a súa localización", afirma Rubén Cela, sarxento da Garda Civil.
Máis da metade dos delitos sucederon nas dúas horas previas á detención, nun radio curto, aínda que de dous concellos; Ames e o limítrofe Teo, onde ten a veciñanza o mozo agora preso,
"Ten trinta anos de idade e ten adicción a substancias estupefacientes que, cremos, é o motivo destes feitos delituosos", di o sarxento Cela, e engade: "Ademais dos 21 roubos en interior de vehículos do día 7 houbo outro roubo con escalo en que danou dous autobuses, e dos outros dezasete delitos cometidos ao longo dese ano un deles foi estafa por usar unha tarxeta que collera dentro dun vehículo".
A Garda Civil do Milladoiro interceptoulle obxectos procedentes dalgúns dos roubos, e lembra á cidadanía medidas de precaución:
"Non deixar obxectos á vista dentro do coche e verificar que ao entrar ou saír do garaxe se pecha o portal".
E é que en dúas das ocasións os coches roubados estaban en garaxe comunitario.