O BNG comeza as negociacións para formar un goberno tripartito en Santiago
O BNG comeza as negociacións para formar un goberno tripartito en Santiago
O xoves reúnense co PSdeG e o venres, con Compostela Aberta
A candidata á alcaldesa, Goretti Sanmartín, quere un tripartito "unido, amplo e estable" que estea en disposición de poñerse a traballar canto antes
O BNG de Santiago xa mantivo as primeiras conversas informais co PSdeG e con Compostela Aberta para comezar as negociacións de formación de goberno. Este xoves reúnense ás once co PSdeG, que obtivo tamén 6 concelleiros, e o venres con Compostela Aberta, que ten dous.
Serán reunións con convocatorias á prensa xa que queren levar o proceso "con total transparencia", di a candidata do BNG, Goretti Sanmartín.
Na primeira xuntanza cos dous grupos analizarán as liñas de goberno en común. E nas seguintes entrarán xa na repartición das concellerías. O Bloque busca un tripartito "amplo, estable, forte e sólido que comece a traballar dende o 18 de xuño", xusto despois de que se conformen as novas corporacións.
Goretti Sanmartín fala de comezar canto antes un novo ciclo na cidade, promete cambios no transporte colectivo e na recollida do lixo, por exemplo, e unha mellora no mantemento das infraestruturas.