Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños de Santiso, no Pino, volven reclamar a parada de bus eliminada ao facerse a A-54

Veciños de Santiso, no Pino, volven reclamar a parada de bus eliminada ao facerse a A-54

Dependen do coche particular para desprazarse a Santiago ou á capital do concello a pesar de que oficialmente existe parada dun bus que debería ir cada hora pero nin pasa por alí

Un grupo de persoas ante o Centro Sociocultural de Santiso, no concello do Pino, este luns
G24.gal 29/01/2024 14:17

Os poucos quilómetros que hai de Santiso de Castrofeito á capital de Galicia ou a Arca, o seu centro municipal, constitúen un treito enorme no desprazamento cotián para moitos dos seus máis de trescentos residentes.

Ata hai sete anos, cando a obra da autovía, dispoñían de autobús cada hora. A A-54 levou por diante o lugar da parada, pero esta mantense oficialmente. Mentres non se resitúe, Monbus non efectúa o desvío de pouco máis dun quilómetro desde a A-54 a Santiso.

Mercedes, veciña de Santiso afirma: "Moita xente de aquí está illada. Pense nos maiores, en quen non ten carné de conducir nin ten coche e ten que pagar taxis que lle sae dunha pensión de oitocentos euros".

"Teño un fillo que vén andando desde a parada do bus que vai ao aeroporto durante máis de catro quilómetros, porque non coinciden os horarios e non temos coche", di Carmen. 

E Julia, pide "por favor, que se nos faga a parada para que poidamos compatibilizar a vida familiar e o traballo ou estudo para que os nosos fillos poidan ir e vir a Santiago sen que nós teñamos que estar pendentes".

 "Se me falla o meu coche particular non teño alternativa de bus para poder vir traballar", sinala David, o animador sociocultural.

O representante dos veciños, José Ramón Miranda, insta o Goberno da Xunta a que dea o paso definitivo para reintegrarlles o servizo de bus: "Entendemos que é a administración autonómica. Que entre administracións se poñan de acordo e que nos solucionen un problema que afecta, sobre a todo, a persoas maiores e aos estudantes, que teñen que ir ou ao aeroporto de Santiago ou a preto de Arca para coller un autobús".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade