Publicador de contidos
Publicador de contidos

Reivindican a Rosalía valente, transgresora e faro de mulleres no seu 187 aniversario

Reivindican a Rosalía valente, transgresora e faro de mulleres no seu 187 aniversario

Lecturas, caldos de gloria, alboradas e concertos, entre as actividades programadas por todo o país

Comeza o Festival Rosalía en Santiago de Compostela baixo o lema "Un grande atrevemento"

Celebran o Día de Rosalía cun maratón de lecturas en galego

 

O presidente do Goberno galego en funcións, Alfonso Rueda (2-e); a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín (e), e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira (3-d), colocan unha coroa de loureiro en Santiago polo 187 aniversario da poeta, este venres (EFE / Xoán Rey)
G24.gal 23/02/2024 10:00 Última actualización 23/02/2024 20:17

Santiago de Compostela acolleu este venres o acto institucional central para conmemorar o 187 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Na efeméride distintas autoridades reivindicaron o seu carácter valente, a súa actitude transgresora e o seu papel como faro para miles de mulleres.

Así a lembraron esta mañá na praza de Vigo, xunto ao monólito erixido nas inmediacións do lugar en que estaba a casa onde naceu esta referente da cultura galega un 23 de febreiro de 1837, un solar pertencente entón ao concello de Conxo, que desde 1925 pasou a ser un barrio máis da capital galega.

Alí citáronse, coma outros anos, representantes da Fundación Rosalía, encabezados polo seu presidente, Anxo Angueira, do colexio Quiroga Palacios e da Asociación Raigame, do Ensanche, acompañados, entre outras autoridades, do presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín e o alcalde de Padrón, Anxo Arca.

Sanmartín destacou o carácter alegre de Rosalía de Castro, fronte aos tópicos, e o seu papel "transgresor" tanto na literatura e a cultura galegas, por escribir en galego e por facelo sobre temas que a adiantaban ao seu tempo, como pola súa veta ecoloxista -en contra da talla dos carballos de Conxo-, contra a explotación laboral e a súa conciencia feminista, entre outras virtudes, sinalou.

Rueda destacou o carácter de unión que representa Rosalía de Castro, capaz de xuntar a distintas administracións gobernadas por partidos diferentes e a institucións culturais para homenaxear a un dos principais referentes de Galicia e "engrandecer a súa figura".

"Longa vida a Rosalía de Castro e longa vida a todo o que significa", concluíu.

Angueira lembrou que a escritora impulsou un proxecto de cultura para Galicia que perdura case dous séculos despois e cuxo papel fundamental foi achegar "esperanza e ilusión" a través dos seus textos, unha escritura e unha figura que representan a Galicia en todo o mundo, dixo.

Ao comezo do acto un grupo de estudantes do colexio Quiroga Palacios de Conxo recitaron o poema 'Quíxente tanto, meniña', incluído en Cantares Gallegos (1863); mentres que, para concluír a homenaxe, o grupo Carapaus, composto por catro músicos tradicionais, interpretou a peza 'Alborada', con letra de Rosalía.

Celebracións por todo o país

Entidades e institucións celebran este venres o Día de Rosalía con distintas actividades como lecturas, degustacións de caldos de gloria, alboradas e concertos en múltiples localidades de toda Galicia.

A Fundación Rosalía de Castro anima a todos os galegos a festexar cunha lectura dos textos da autora e a degustación dun caldo de gloria.

Á preparación do caldo de gloria sumáronse máis de 400 locais de todo o país (hostaleiros, colexios, comedores de empresa, de residencias e centros de día) e repartíronse máis de 72.000 manteis da iniciativa, expandidos por toda a xeografía galega. Este ano, ademais, participarán varios centros galegos no exterior, como os de Donostia, Castelló, Burgos, Alacante e Valencia.

A Fundación Rosalía de Castro lembra que esta iniciativa xurdiu do poema 'Miña casiña, meu lar' en que a poeta explica como facer un caldo humilde a partir da épica da supervivencia, diaria e doméstica, que protagoniza unha muller. Empezou a realizarse con éxito en 2017, cun seguimento masivo en Padrón, e en 2018 xa se converteu nun evento seguido a nivel galego.

Degustación do caldo de gloria e agasallar libros e flores

Nesta sétima edición, volverá despois da pandemia o caldo de gloria á Casa-Museo da man de Suso d'O Dezaseis e a cantante Uxía. Ambos os dous ofrecerán a súa versión do Caldo aos presentes (19:00 horas), xunto co bolo de pote realizado por tres mulleres de Mazaricos. A continuación, no auditorio da Casa-Museo terá lugar o concerto de Faia.

Ademais, este ano volverase a celebrar tamén o Día de Rosalía cunha Alborada en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, do mesmo xeito que se fixo en 2013 e nos últimos catro anos.

Pola súa banda, noutra nota de prensa, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) propón un ano máis á cidadanía celebrar este efeméride regalando un libro en galego e unha flor ás súas amizades e seres queridos.

Nesta edición de 2024, o escritor Carlos Callón é a persoa encargada da redacción do manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía que a entidade celebrará o sábado, día 24 de febreiro, a partir das 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

Comeza o Festival Rosalía baixo o lema "Un grande atrevemento"

Tamén se suman institucións como deputacións e concellos. Así, a Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago, organiza a sexta edición do Festival Rosalía con poesía, escena, música, artesanía e narración oral para celebrar a potencia creadora en lingua galega.

Unha quincena de actividades encherán a praza de Mazarelos entre este venres e sábado baixo o lema "Un grande atrevemento".

Estas comezarán ás 17:00 horas do venres coa apertura da feira de produtos "marca Rosalía". Tras iso, haberá unha contada familiar que trazará un percorrido pola traxectoria da poeta.

Ás 19:00 horas, Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, encarnados por Isabel Risco e Fran Rei, protagonizarán un espectáculo que fusionará música, audiovisual, teatro e humor. Tras iso, ás 20:30 horas exhibirase o proxecto Indóciles.

As actividades continuarán en sábado con pasacalles, contadas e a presentación do libro Intenso e solidario Feminismo. Estudos Rosalianos por parte da investigadora Pilar García Negro. Ademais, ás 20:00 horas, Chan da Pólvora Editora reunirá no recital O atrevemento da voz nos versos autoras como Rosalía Fernández Rial, Sol Mariño, Lúa Mosquetera e Nuria Vil. As actividades terminarán coa actuación de Loita Amada, que presentará o seu traballo Rematou o simulacro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade