Entra en vigor en Galicia a cota cero para todos os autónomos que inicien a súa actividade en 2024
Entra en vigor en Galicia a cota cero para todos os autónomos que inicien a súa actividade en 2024
A administración autonómica subvencionará o 100 % das cotizacións dos primeiros 12 meses
As novas altas deberán formalizarse entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024
A Xunta de Galicia investirá na cota cero 9,6 millóns de euros, e é compatible con outras axudas
As persoas que se dean de alta como autónomas en Galicia durante este ano poderán beneficiarse da subvención do 100 % das cotizacións durante os 12 primeiros meses. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde, do 28 de decembro de 2023.
Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional e os gastos de mantemento da actividade, que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024, ambos inclusive.
A cota cero é compatible con outras axudas
Establécense 2 liñas de axudas, compatibles entre si:
Liña 1: unha axuda para o inicio da actividade económica e mantemento do emprego como persoa traballadora autónoma.
Liña 2: unha axuda para sufragar os gastos do mantemento da actividade por conta propia, equivalente a 12 meses da contía da cota reducida regulada no apartado 1 do artigo 38.ter da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.
A contía xeral das subvencións da liña 1 é de 2.000 euros, que pode elevarse ata 4.000 no caso de menores de 30 e persoas desempregadas maiores de 52, paradas de longa duración, emigrantes retornadas, estranxeiras e en risco de exclusión social. A contía base correspondente incrementarase nun 15 %, ata un máximo de 7.000 euros, nos seguintes casos: mulleres, centro de traballo no rural, maiores de 45 anos, persoas trans e profesións e oficios en que a muller estea subrepresentada.
A Xunta de Galicia investirá na cota cero 9,6 millóns de euros
Para a liña 2, a cota cero, o Goberno galego investirá 9,6 millóns de euros e con ela prevé chegar a unhas 10.000 persoas. Ambas as dúas liñas son compatibles, polo que as novas altas poderán percibir ata 8.600 euros en achegas, segundo estima a administración autonómica.
As solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación de solicitudes iníciase o día 16 de xaneiro de 2024 e remata o 30 de setembro de 2024.