Entran en vigor os descontos nas peaxes da AP-53, entre Lalín e Santiago
Para vehículos lixeiros -con telepeaxe- son de balde os traxectos de volta nun prazo de 24 horas, e aqueles usuarios que fagan polo menos 20 desprazamentos nun mes teñen unha bonificación adicional do 50%
Para camións, o desconto é do 50% en todos os percorridos
A Xunta afirma que conducir polas autoestradas autonómicas é máis barato que facelo polas estatais

Os novos descontos nas peaxes da AP-53, que une Lalín con Santiago de Compostela, entraron finalmente en vigor este xoves, despois de que o Consello de Ministros aprobase o martes o decreto con esta medida.
Os descontos na AP-53 son similares aos xa aplicados na AP-9. Para vehículos lixeiros, sempre que empreguen a telepeaxe, serán gratis os traxectos de volta nun prazo de 24 horas e aqueles usuarios que fagan polo menos 20 desprazamentos nun mes aplicarase unha bonificación adicional do 50%.
Para camións, o desconto será do 50% en todos os percorridos, sen condicións.
Entón, os usuarios recorrentes "pasarán de pagar 280 a 70 euros" ao mes, segundo cálculos do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen sacou peito de que estas bonificacións foron unha importante "reivindicación dos socialistas galegos" para a "grande esquecida" que é a AP-53 no debate dos prezos das autoestradas.
Este xoves, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, puxo como exemplo da "política útil" para "mellorar a vida da xente" os descontos da AP-53, porque permitirán un "aforro moi importante" para os usuarios e "corrixe un agravio" xa que "era a única que non tiña rebaixas".
Así, sostivo que o Bloque é quen "defende os intereses de Galicia en Madrid", mentres que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, é "portavoz da rúa Xénova".
As galegas, as máis baratas
Con todo, fontes da Consellería de Vivenda e Infraestruturas reivindicaron que circular polas autoestradas autonómicas é "máis barato" que facelo pola AP-9 e pola AP-53 mesmo coas novas peaxes.
Desde o Goberno autonómico incidiron en que as autoestradas de titularidade rexional, A Coruña-Carballo (AG-55) e Val Miñor (AG-57), están entre as máis baratas de España, grazas ás bonificacións que a Xunta aplica desde 2010 e á conxelación de peaxes nos últimos anos.
“Destinaremos un ano máis 5,5 millóns de euros a manter todos estes descontos que chegan diariamente a case 28.000 usuarios”, expoñen desde Infraestructras.
Respecto diso, apuntan que o custo medio por quilómetro de usuario que circula polas autoestradas galegas é un 6,5% inferior ao da AP-9 e un 11,6% inferior ao custo de utilizar a AP-53, entre Dozón e Santiago.