'Entre fíos e raíces', unha lección de vida da man de seis mulleres de Castrelo de Miño
'Entre fíos e raíces', unha lección de vida da man de seis mulleres de Castrelo de Miño
O documental, promovido pola Asociación Trebellos, recolle as vivencias e reflexións de mulleres entre 80 e 90 anos co obxectivo de loitar contra a discriminación por idade
Son 22 minutos que nos achegan á vida e á memoria das súas protagonistas: mulleres de máis de oitenta anos que viven nun concello rural como é o de Castrelo de Miño. A idea xurdiu nun obradoiro de fotografía.
Membros da Asociación Trebellos decatáronse da importancia do que tiñan que contar e decidiron rodar o documental Entre fíos e raíces para pór en valor o seu legado. A curtametraxe incide na necesidade dunha escoita activa dos nosos maiores para aprender onde estamos e cara a onde queremos ir.
Estreouse en Ourense pero proxectarase tamén en Barcelona, América do Sur e Estados Unidos. Ademais, a través da páxina web da asociación, a historia e as ensinanzas destas seis mulleres poderán chegar a calquera recuncho do mundo.