Publicador de contidos
Publicador de contidos

Entréganse en Manila os tres policías acusados de asasinar a Diego Bello

Entréganse en Manila os tres policías acusados de asasinar a Diego Bello

O xulgado encargado do caso ordenou a entrada en prisión sen fianza dos tres policías

Tiñan unha orde de busca e captura desde o 25 de marzo de 2022 e entregáronse o pasado 6 de febreiro de forma voluntaria

Haberá unha vista por videoconferencia coas partes para o próximo día 1 de marzo

G24.gal 14/02/2023 13:25 Última actualización 14/02/2023 19:12

Os tres policías acusados de asasinar supostamente o coruñés Diego Bello nas Filipinas entregáronse en Manila e ingresaron en prisión.

Fontes da familia de Diego Bello explicaron que o embaixador das Filipinas en España, Philippe J. Lhuillier, comunicou que os tres policías sobre os que pesaba unha orde xudicial de arresto e prisión sen fianza polo seu asasinato entregáronse en dependencias policiais de Manila.

Diego Bello, o coruñés de 32 anos, morreu cribado o 8 de xaneiro de 2020 na turística illa de Siargao (sueste) nunha operación orquestrada polos policías, que o pasado marzo foron acusados do asasinato do empresario por un tribunal que emitiu unha orde de arresto.

Os acusados, o capitán Vicente Panuelos e os sarxentos Ronel Azarcón Pazos e Niño Boy Esmeralda, non se presentaron no seu momento ante o tribunal e atopábanse en paradoiro descoñecido.

Tiñan unha orde de busca e captura desde o 25 de marzo de 2022 e entregáronse o pasado 6 de febreiro de forma voluntaria, segundo explicaron á familia.

A familia remitiu tamén aos medios un auto xudicial do 10 de febreiro en que se aborda o caso contra os tres procesados.

A xustiza das Filipinas decretou o traslado do expediente desde a illa de Siargao, onde ocorreron os feitos, a Manila, alegando maiores medios para levar a cabo o caso e evitar atrasos por cuestións meteorolóxicas e de falta de medios.

O xulgado encargado do caso ordenou a entrada en prisión sen fianza dos tres policías, dada a gravidade das probas acusatorias que obran en poder da Fiscalía, que os acusa de asasinar a Bello e de preparar probas falsas para acusalo de narcotráfico.

Haberá unha vista por videoconferencia coas partes para o próximo día 1 de marzo.

Panuelos, Azarcón Pazos e Esmeralda foron acusados formalmente de asasinato e falsificación de probas por un xulgado de Surigao do Norte a pedimento da Fiscalía Xeral das Filipinas o pasado 25 de marzo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade