Asasinato de Diego Bello: "Confiamos na xustiza filipina, se non non estariamos aquí"

A familia do mozo coruñés, cara a cara cos seus presuntos asasinos

"Temos que ter en conta en que país estamos intentando condenar estas persoas", di o avogado da familia

A xustiza filipina debe decidir se os tres acusados poden saír libres baixo fianza ata que se celebre o xuízo contra eles, que calculan que podería ser dentro dun ano

G24.gal 22/11/2023 10:01 Última actualización 22/11/2023 14:28

Este mércores retomouse en Manila, nas Filipinas, o xuízo contra os tres policías acusados do asasinato do coruñés Diego Bello. 

Os pais de Diego trasladáronse a Manila en compañía do avogado coruñés Guillermo Mosquera, así como dos letrados filipinos que exercen a representación legal da familia. Despois deste longo tempo de loita, a familia conseguiu desmontar a versión inicial que deran os policías, que acusaban a Diego de tráfico de drogas. Agora eses policías sentan no banco dos acusados.

Nos corredores dos xulgados a familia de Diego Bello coincidiu cos tres acusados. "Foi un momento duro porque ao principio non sabían se os ían poder ver. Temos a sorte ou a desgraza que onde se celebraba a vista era un sitio moi reducido e estiveron xusto no banco detrás de onde estaban eles", explica o avogado da familia.

"Ao principio foi un momento tenso. Había unhas fortes medidas de seguridade e saíu todo ben, como esperabamos", relata Guillermo Mosquera.

Durante a última vista analizáronse as probas de balística. "O que agora estamos dilucidando é a posibilidade de que saian baixo fianza. O que se está intentando demostrar é que as probas de cargo son realmente moi contundentes para que a xuíza non lles poida permitir saír en liberdade baixo fianza. Isto vainos levar en torno a un ano e posteriormente comezará o xuízo como tal".

O camiño para chegar ata aquí foi longo e por diante aínda queda moito por percorrer. "Foi moi complicado, porque tamén temos que ter en conta en que país estamos intentando condenar a estas persoas. Para que nas Filipinas se abra un xuízo en catro anos, aínda que sexa só pola liberdade baixo fianza, pódese dicir que foi moi rápido", asegura o avogado.

"Isto temos que telo en conta. Houbo moita axuda por parte do Goberno de España, da Unión Europea, por parte da Comisión de Dereitos Humanos. Avanzamos moito en moi pouco tempo. Tendo en conta que nas Filipinas a covid durou case dous anos. Sabemos que para a nosa mentalidade occidental catro anos é moito tempo, pero catro anos nas Filipinas é moi pouco".

Guillermo Mosquera non quere que a atención do proceso se distraia do obxectivo final: lograr a condena. E por iso non entra a valorar se no caso puido haber outros implicados e se outra persoa deu a orde de matar a Diego, como sostén a familia. "Para min iso son especulacións", afirma.

"No caso non apareceu ninguén máis que eses tres policías. Polo tanto no que nos temos que centrar é en condenar ou intentar demostrar que realmente o que eles fixeron foi un asasinato, presentaron probas falsas, e é no que nos imos centrar. O resto son especulacións e quedan para outro tipo de foros", conclúe.

En canto ás expectativas neste proceso, o letrado e a familia de Diego Bello son optimistas: "Iso témolo claro, se non non estariamos aquí, a 15.000 quilómetros das nosas casas, para unha sesión que durou dúas horas. Confiamos plenamente na xustiza filipina e todo leva a pensar que imos ter un bo resultado", di con rotundidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade