Publicador de contidos
Publicador de contidos

Elena Rivo: "O paro cae en todas as cidades e provincias e nos colectivos vulnerables"

Elena Rivo: "O paro cae en todas as cidades e provincias e nos colectivos vulnerables"

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade destaca as iniciativas para fomentar o emprendemento e para cubrir as vacantes do mercado laboral

Rivo pon o foco no emprego de calidade para mulleres como ferramenta para lograr a igualdade

G24.gal 05/03/2024 10:12

"Somos optimistas, aínda que con prudencia porque hai que seguir traballando, pero parece que as políticas activas de emprego da Xunta de Galicia van polo bo camiño, e de aí esas cifras históricas", a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, amósase satisfeita coas últimas cifras do paro coñecidas este luns.

Destaca Rivo que "o paro se reduce en todas as cidades e en todas as provincias e nos colectivos máis vulnerables, como son as mulleres, os menores de 30 anos e os parados de larga duración".

Un dos sectores nos que quere incidir a Xunta é no traballo autónomo, entre outras medidas coa cota cero para aqueles que inician a súa actividade en 2024. "É unha decisión que se tomou na mesa do autónomo e forma parte desa estratexia que temos co horizonte do ano 2027 para traballar polos autónomos e autónomas que xeran emprego e riqueza en Galicia", di a conselleira.

Destaca Rivo que é posible polo feito de ter os orzamentos da Xunta aprobados e con partidas dispoñibles: "O presidente Alfonso Rueda considerou que non debería convocar eleccións ata que estivesen o presuposto aprobado e iso permite que desde o día un de xaneiro estamos todo o goberno traballando e xa temos activos 88 millóns de euros para os autónomos dos cen previstos para este ano".

A Rede de Polos de Emprendemento tamén forma parte do esforzo no ámbito do traballo autónomo: "Hoxe inauguramos o número 13 e serán 15 en total. É unha ferramenta moi útil. Xa hai máis de 1.300 proxectos operativos en Galicia. É como un asesoramento gratuíto. Calquera persoa que queira emprender en Galicia entra nun deses polos e pode ter ese asesoramento, tanto se quere emprender como se quere actualizar un negocio en funcionamento. Pensamos que é unha iniciativa moi boa, amais de que está estendida no rural para facilitar a fixación de poboación".

Elena Rivo tamén destaca os datos que ofrece o Programa Retorna Emprego: "Agora podemos importar talento. Temos 12.000 vacantes, e por que non axudar a retornar aqueles, fillos, netos de emigrantes que queiran establecerse en Galicia. O programa xa trouxo máis de 150 persoas que se incorporan ao mundo laboral".

Emprego de calidade, o reto pola igualdade das mulleres

A igualdade no emprego é outro dos ámbitos en que a Xunta quere incrementar o esforzo: "Consideramos que no que podemos axudar a muller en canto a igualdade é darlle ese emprego de calidade, esa independencia económica, para que se lle axude a ter esa autoestima e esa dignidade".

"E a parte hai 12.000 vacantes, xa mudou desde as 15.000 que había, e polo tanto incorporar á muller en sectores fortemente masculinizados serve para cubrir esas vacantes, rompen os estereotipos, e a parte normalmente son traballos mellor pagados e loitamos así contra a fenda salarial", di Elena Rivo.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade cre que o esforzo neste sentido ten recompensa: "As empresas están colaborando. Estamos entrando nos institutos, nos centros de estudo, con esa campaña 'Ti elixes' na que ensinamos aos nenos e ás nenas que, con independencia do seu xénero, poden elixir no que queren estudar, emprender ou traballar. E ten moi boa acollida, a parte de que son sectores que teñen necesidade de persoal".

Un deses sectores moi masculinizados é o do transporte, e no que hai demanda de traballadores e traballadoras: "Faltaban dous mil camioneiros en Galicia. Aquí a media [de mulleres no sector] é do 3 %, mentres que en Europa é do 5 %".

Non obstante, un dos problemas aos que se enfrontan as mulleres no transporte é o da seguridade. Nese sentido a Xunta anunciou a creación de aparcadoiros seguros, o primeiro deles en San Cibrao. "Este aparcadoiro é pioneiro non só en Galicia, senón en España. É un centro seguro para que homes e mulleres poidan traballar tanto para o camión como con vestiarios e áreas de ocio", explica a conselleira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar