Publicador de contidos
Publicador de contidos

"Todo o apoio á nova dirección, pero tamén quero ver que pasos se dan"

"Todo o apoio á nova dirección, pero tamén quero ver que pasos se dan"

Gonzalo Caballero reivindica a súa figura no PSdeG tras perder as primarias cunha candidatura que defende como "da militancia e das bases"

"Temos que acertar entre todos en como fortalecer PSdeG"

"Teño 46 anos, e desde logo non estou en idade de xubilación"

G24.gal 05/11/2021 10:34

Gonzalo Caballero, secretario xeral saínte do PSdeG, volveu ofrecer este venres "todo o meu apoio á nova dirección" dos socialistas galegos, pero tamén deixou claro que quere "ver que pasos se dan".

Caballero foi entrevistado no Bos días onde explicou como se desenvolveu o seu encontro deste xoves con Valentín González Formoso: "Estiven con Valentín porque acudiu ao Parlamento e saudeino con total normalidade. Non hai problemática a maiores. O partido celebrou unhas primarias e a partir de aí temos que acertar entre todos en como fortalecer PSdeG".

"Cumprirei cos meus deberes e coa miña autenticidade"

Sobre a súas funcións a partir de agora, tanto no Parlamento como no PSdeG, Caballero é concluínte: "Son militante desde hai máis de 25 anos, seguirei sendo un militante comprometido durante toda a miña vida, traballando por Galicia desde o socialismo e desde a esquerda, e poñer o mellor de min mesmo ao servizo dos galegos e das galegas".

"Cumprirei cos meus deberes e coa miña autenticidade, e coa miña forma de entender a vida e o meu compromiso político. E iso é o que vou facer e asumindo tamén as responsabilidades no Parlamento de Galicia. A min correspóndeme facer oposición ás políticas da dereita e facer propostas para axudar a mellorar a situación de Galicia", asegurou Caballero.

"Recibín o 40 % do apoio da militancia, e estou inmensamente agradecido a quen me deu o apio para un proxecto de PSdeG claramente na esquerda, feito de abaixo a arriba, que quere confrontar coa dereita e con Feijóo. Vou ser leal á miña forma de entender a política e o socialismo. En definitiva vou seguir traballando a carón dese plan, e vouno facer con lealdade ao novo secretario xeral".

"Había dous proxectos, un deles tiña apoio das baronías, e outro era unha candidatura da militancia e das bases"

Caballero saíu derrotado nunhas primarias nas que di ser "consciente de que había dous proxectos, e que un deles tiña apoio das baronías, das grandes alcaldías, das deputacións que goberna o Partido Socialista, e outro era unha candidatura da militancia e das bases".

Reivindicando esa forza das bases di que "é evidente que esa foto da noite electoral reflicten diferentes maneiras de entender o socialismo galego".

"Eu represento unha liña claramente na esquerda", asegura Caballero. "E vou seguir activo no meu partido, no que teño unha longa traxectoria con momentos de soidade fronte ao gran poder do aparato do partido, e unha traxectoria a longo prazo e eu busco servir a Galicia, eu débome aos galegos".

"Así o vou facer, con lealdade, con propostas para fortalecer o PSdeG e fortalecer tamén os acertos do novo secretario xeral, que debe acertar para seguir construíndo o mellor socialismo galego". 

"Teño que cumprir coa responsabilidade que nos deron os galegos"

Gonzalo Caballero vai seguir sendo o voceiro do PSdeG no Parlamento, onde di que non cre que a súa posición se vexa debilitada tras a derrota nas primarias. "Aos debates do Parlamento hai que ir coas mellores propostas, coas mellores ideas, iso é o que fago, e seguireino facendo. Dando respostas de esquerda para saír da maior crise, para reactivar a economía, para fortalecer servizos públicos, cun proxecto socialista, galeguista, de esquerdas", asegurou.

"Eu teño que cumprir coa responsabilidade que nos deron os galegos. Non ten que ver cunha cuestión orgánica. Eu mesmo, cando fun elixido secretario xeral, hai catro anos, mantiven de voceiro ao compañeiro Xoaquín Fernández Leiceaga, que fixo unha magnífica tarefa no grupo parlamentario".

"Agora correspóndelle ao partido acertar. Hai un 40 % do partido que nos deu responsabilidade para construír e para apoiar liderado de Valentín González Formoso. Estou moi agradecido á militancia do partido, con votos espallados por toda Galicia e que me deron a maioría na provincia de Pontevedra e de Ourense. E especificamente ao electorado urbano, porque nas cidades tiven maior nivel de apoio, encabezado pola miña agrupación a de Vigo, na que tiven o 80 % dos votos".

"Vou traballar a carón do novo secretario xeral. Despois de catro anos nos que o PSdeG avanzou, e recuperou posicións, quero que o novo PSdeG baixo mandato de Valentín siga crecendo os próximos catro anos, mantendo a liña de fortalecemento en Galicia". 

"Cando a dirección queira outras medidas, terá que explicalas"

"Eu vou asumir as responsabilidades que me correspondan, porque son un home comprometido. Teño vida profesional e persoal resolta. Dende hai dous anos son parlamentario. A miña responsabilidade é estar no Parlamento. Son loitador, un cidadán comprometido co que creo. Nestes momentos correspóndeme ser o voceiro do grupo socialista, e é o que vou facer", insistiu Caballero, ao reivindicarse como un activo do PSdeG.

"Cando a dirección queira outras medidas, terá que explicalas e terá que compartilas co conxunto do partido e entre todos acertar", dixo Caballero.

Non obstante, a súa lealdade non parece que vaia ser un cheque en branco: "Pola miña banda vai haber un impulso construtivo, vai haber todo o apoio á nova dirección pero tamén quero ver que pasos se dan, e como se acerta para que esa proposta de integración do outro candidato se converta nunha realidade".

"Hai que pasar das palabras aos feitos. Onte, Valentín trasladoume que necesita tempo. Estamos todos na liña de construír e fortalecer o PSdeG. Eu sempre vou estar no meu partido con lealdade a quen lle corresponda dirixilo, pero tamén coa vocación de construír o PSdeG con maior fortalecemento, e tamén manter a miña actividade e o meu compromiso coa militancia do PSdeG".

"Non estou en idade de xubilación"

O que Caballero deixou claro é que ninguén o debe dar por morto políticamente: "Eu teño 46 anos, e desde logo non estou en idade de xubilación", afirmou. "A min vanme seguir vendo defender unha saída de esquerdas para Galicia, alí onde o partido me queira colocar e onde eu crea que deba estar".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade