Publicador de contidos
Publicador de contidos

López Orozco: "Non teño unha explicación. É o único que me falta"

López Orozco: "Non teño unha explicación. É o único que me falta"

O exalcalde de Lugo, tras arquivarse todas as causas contra el, analiza se pode presentar algún tipo de demanda ou reclamación: "Algo hai que facer para que isto non se volva repetir"

"Parece que tiñamos razón e hoxe Pilar de Lara xa non está en Lugo", cre Orozco

"Sigo crendo na xustiza, Xustiza con maiúscula", conclúe

 

 

 

López Orozco nun momento da entrevista no estudio do 'Bos días'
G24.gal 23/03/2022 10:34

“Moi contento e moi feliz, vivindo esta nova etapa”, di José López Orozco no inicio da entrevista este mércores no Bos días, logo de que se coñecera que non quedan causas abertas na xustiza contra el.

Despois de máis de dez anos investigado pola xustiza, Orozco di que segue confiando nela: “Pode haber algunha cousa en que non estea de acordo. Sobre todo, no que foi a investigación, como se fixo, no xeito en que se me fixo, pero, en cambio, ao lado diso teño os autos de arquivo da Audiencia Provincial ou doutros xuíces que por algunha razón tiveron que actuar fóra da acción de Pilar de Lara, porque estaba recusada nalgún caso, e teño aí o que escribiron e iso reconforta, de verdade que reconforta".

"E por iso sigo crendo na xustiza, Xustiza con maiúscula", afirma o exalcalde de Lugo. "Non pode ser doutro xeito e non se vai escoitar de min ningún adxectivo descualificador porque dano lle faríamos ao Estado de dereito".

A confianza na xustiza, di, non é incompatible coa discrepancia: "Eu discrepo, e discrepei e sigo discrepando e, sobre todo, cando agora que teño o amparo de autos ben fundamentados, claros e distintos, como diría Descartes, sobre a miña actuación".

"Vostede imaxine o que é ver nun auto de arquivo que di que non hai ningunha proba, que hai unicamente sospeitas, pero nin sequera fundamentadas en ningún indicio. Pois hai unha investigación prospectiva, inquisitorial din nalgúns casos, e iso reconforta", explica Orozco para dar conta de como se sente nestes momentos.

"Cada un sabe o que fixo, e quen mellor que un sabe as actuacións que tivo, con respecto á xustiza, e iso claro que o critico", asegura para referirse ás accións de Pilar de Lara, xuíza instrutora das causas contra el.

"Parece que tiñamos razón e hoxe Pilar de Lara xa non está en Lugo"

"Fomos dos que no seu momento presentamos unha queixa ante o Poder Xudicial, e cando abriu o expediente volvemos actuar porque nos parecía que a posición que mantivo a señora xuíza, Pilar de Lara, non se correspondía con dereito. E parece que tiñamos razón porque o Consello do Poder Xudicial fíxolle un expediente e hoxe xa non está en Lugo", relata Orozo, para referirse á xuíza.

Non obstante, cre que non hai moita marxe de manobra para esixir responsabilidades, penais ou doutro tipo: "O día que o avogado me chamou para dicirme que está todo acabado, falamos para ver todo o que está escrito nos distintos autos de arquivo, e se non sería o momento de poder tomar algunha determinación, de presentar algunha denuncia... e onte díxome que é moi difícil, que unicamente queda facer unha reclamación ante o CXPX por dilacións indebidas, por un funcionamento non correspondente a dereito".

"Algo hai que facer para que isto non se volva repetir"

Sexa como sexa, Orozco parece disposto a dar a batalla neste asunto: "Vano estudar os avogados, porque eu son un lego en dereito, e teño confianza neles, para que me indiquen o camiño, pero algo hai que facer para que isto non se volva repetir".

"Nin que se volva producir isto, nin que os adversarios políticos xulguen o seu contrario. Iso gustaríame", explica o exalcalde de Lugo para referirse ás accións que sufriu durante estes anos. "Sería o home máis feliz do mundo se os partidos políticos tomasen a determinación de decidir deixar actuar a xustiza, que non son eles os que deben ir vendo a palla no ollo alleo e non vendo a viga que teñen no seu, e ver que a política ten que ser outra cousa. Teñen que ser solucionar problemas dos cidadáns, e non buscar desfacer política e animicamente, moral e eticamente como podo desfacer o meu adversario".

"Pedían a miña cabeza e non quedou máis remedio que perder a alcaldía"

"Ver como unha persoa inocente tivo que deixar a alcaldía, porque pedían a miña cabeza e non quedou máis remedio que perder a alcaldía ou dar a miña cabeza. E iso no conduce a nada", relata Orozco. "Iso é o que temos que evitar. Os máximos responsables de que iso suceda somos os políticos. E falo en xeral, non de políticos de determinado partido político".

"Podes ver un feito punible, pois denuncia, pero unha vez que o fas deixa que actúen os xuíces. No menor tempo posible, claro que si", insiste. "E os medios de comunicación, que moitas veces os alentamos nós, se os medios viran que aí acaba o tema, eles tamén o verían e non habería pena de telexornal".

"Non teño unha explicación. É o único que me falta"

O que a estas alturas non ten López Orozco é unha explicación de por que as cousas sucederon como sucederon: "Non a teño. É o único que me falta. E podo dicirlle unha cousa, coñezo os sumarios da primeira a última páxina. E ver que todo comeza cunha denuncia dun cidadán que di: 'Ao alcalde dixéronme que lle dan dous mil euros ao mes, pero non teño ningunha proba'. Todo comeza con iso. Se eu son xuíz e teño diante un cidadán que me di que non ten probas, dígolle adeus, moi boas".

"Pois a partir de aí, empezou, empezou... e tamén con algún informe parece que de xente moi avezada en facelos. Foi cando eu levei todas as miñas contas, desde antes de ser alcalde ata maio de 2013, que tiña que ir declarar voluntariamente sen coñecer o contido do sumario, que era secreto, e levei todas as miñas contas. Sobre isto fíxose un informe exhaustivo, das miñas contas, das miñas fillas, da orixe da casa da miña muller. Fíxese que meu sogro comprou unha leira no ano trinta e pico e todo iso se analizou e se estudou. E dixeron que 'estudado pormenorizadamente o patrimonio de don José López Orozco e a súa esposa e fillas, non se observa ningún incremento de patrimonio que non veña do traballo'", relata para explicar como se sucederon os acontecementos.

"Unicamente unha persoa pediu desculpas e acepteillas"

"Ninguén", di Orozco ante a pregunta sobre se alguén lle pediu desculpas. "Unicamente dun partido político, unha persoa que si me chamou cando saíu o caso do guindastre, e dixo que quería falar comigo, se non me importaba. E puiden dicir que si, que me importaba, pero hai que falar con todo o mundo. Falei con el e pediume desculpas, que se equivocaran, que el cometera un erro, que foi dos que participou en pedir a miña cabeza. E pediu desculpas e acepteillas. Aínda onte estiven falando con el". 

"A familia e os amigos sempre estiveron comigo"

E despois de todo este tempo, di saber que hai xente coa que sempre se pode contar. "Hai unha base fundamental que é a familia", explica López Orozco. "A miña filla pequena, a segunda, díxome: 'Quen mellor que nós sabemos como vivimos'".

"E despois houbo amigos que estiveron sempre comigo", continúa. "A que foi a miña xefa de gabinete, pois non só seguiu axudándome mentres estivo no Concello, senón como era avogada, tamén botando unha man e estivo sempre comigo. E moitos máis compañeiros do partido, e, sobre todo, moitos cidadáns".

Sobre eses cidadáns explica: "Pense que cando sae aquela noticia: 'O alcalde recibe 3.500 euros ao mes'. Eu sóubeno ás tres da mañá. Saín á rúa igual que sempre, andando, e co corpo un pouco encollido, pensando que dirá a xente. Pero a xente sabe como vive un, a que aspira. Moitísima xente dixo que estaba comigo e agora abrázame con moito cariño. Si que hai amigos, si".

"Algo do perdido, non. Os desgustos é imposible", di Orozco para tratar de facer entender que non vai recuperar este tempo pasado. "Pero eu son moi positivo, e procuro mirar arredor e sei que hai xente que neste momento o está pasando moi mal. E o único que quero agora é saber o porque, pero tamén que podo facer por mellorar o mundo, polo menos na parcela na que eu poida".

O que non contempla López Orozco é unha volta á política: "Dígolle que non, porque para iso precisas un cargo institucional e non quero. Pero quédame o Twitter, quédame esta entrevista que me fai a Televisión de Galicia. Os políticos: falade coa xente, preocupádevos dos problemas que ten a xente".

E desde esa posición analiza a actualidade: "Boto de menos máis consenso, máis acordo. O que non quero dicir que sexa a paz dos cemiterios. Cada un ten dereito a ter as súas propias ideas, pero hai cousas nas que nos poderíamos poñer de acordo, porque hai cousas que nos afectan a todos, e hai que buscar solucións, e hai que falar", conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade