Luís Menor, presidente da Deputación de Ourense: "Ten un punto de continuísmo, sen prexuízo dun selo propio"
Luís Menor, presidente da Deputación de Ourense: "Ten un punto de continuísmo, sen prexuízo dun selo propio"
Luís Menor, presidente da Deputación de Ourense: "Ten un punto de continuísmo, sen prexuízo dun selo propio"
O tamén alcalde do Pereiro de Aguiar asegura que non tivo dúbidas no momento en que lle propuxeron presidir a institución provincial e renunciar ao cargo de senador
Menor di que hai que "estar agradecidos" con Manuel Cabezas, do que cre que era o mellor candidato a ser alcalde, aínda que entende "que non se vexa cómodo na oposición"
Tras máis de tres décadas co apelido Baltar á fronte da Deputación de Ourense, Luís Menor, alcalde do Pereiro de Aguiar, ocupa a presidencia da institución provincial desde o 17 de xullo pasado.
"É unha responsabilidade, pero isto está dentro dunha normalidade do funcionamento de partidos e institucións, e o proxecto, sen dúbida ningunha, ao pertencermos ao mesmo partido, ten un punto de continuísmo, sen prexuízo dun selo propio", asegura Luís Menor sobre a sucesión de Manuel Baltar na deputación.
"Foi unha sorpresa porque non era unha esixencia de ninguén", di Menor sobre o momento en que se lle presentou a posibilidade de asumir a presidencia provincial substituíndo a Baltar, "pero tamén hai que valoralo en termos de xenerosidade pola súa parte".
"Toda vez que nunha situación en que non había unhas maiorías, a pesar de que quedamos a pouco máis de 150 votos do deputado número 13 e polo tanto da maioría absoluta na Deputación, o certo é que non había esa maioría e no concello [de Ourense] había un escenario complicado de pactos", explica Luís Menor.
"Para facilitar os posibles pactos nas dúas institucións, se a súa persoa [a de Manuel Baltar] podía dalgunha maneira entorpecer eses pactos, retirábase, daba un paso ao lado e iso podía eliminar algún argumento que impedise eses pactos, aínda que ninguén o puxera sobre a mesa", relata.
"Foi un acto de xenerosidade grandísimo", sentenza Menor.
E nese momento abréselle a posibilidade de ser el quen presida a Deputación. "Inicialmente, a sucesión non estaba aberta. Había un candidato claro por parte do partido gañador e a min ofrecéuseme o Senado. Unha inmensa honra para un alcalde dunha vila, e tamén modesto xurista, letrado da administración de Xustiza, participar no lugar onde se elaboran as leis".
"Pero tiven claro que, obviamente, cando se produce a situación de sucesión na Deputación, o que estaba claro era que non se podían acumular cargos, legalmente si, pero eticamente non me parecía correcto, e na elección sempre o tiven claro".
"Eu non podía deixar a Deputación para a que me propuxeran os meus compañeiros alcaldes, nin podía, por suposto, deixar os meus veciños, que me deran unha maioría moi clara, e aínda que persoalmente o máis cómodo podía ser continuar no Senado e renunciar a algunha das outras dúas cuestións, desde logo para min non había dúbidas. E eu renunciei o 31 de xullo, en canto me foi posible facelo", explica Luís Menor sobre o proceso.
Para el os resultados do Partido Popular na provincia de Ourense nas recentes eleccións xerais déixano "totalmente satisfeito".
"En Galicia había unha pulsión de cambio clarísima, e a verdade é que o notabamos na xente, e os resultados non foron máis que o reflexo desa vontade popular, dunha campaña atípica, en verán, logo dunhas eleccións municipais e con todos os condicionantes que houbo, a xente votou maioritariamente, porque houbo unha participación moi elevada, e logo votou o que votou", asegura.
"Está clarísimo que en Galicia e en Ourense, con máis do 50 % do voto, o PP acreditou o cambio que cremos que é necesario en España", cre o presidente da Deputación de Ourense.
Onde os resultados non foron o que esperaba o PP foi na cidade de Ourense nos pasados comicios municipais, que nas últimas datas concluíu coa renuncia á acta de concelleiro do seu candidato. "O primeiro que debemos é ser todos moi agradecidos con Manuel Cabezas", di Luís Menor.
"Foi probablemente o mellor alcalde que tivo a capital de Ourense en toda a historia complicada, e nunha aposta en que el renunciou á súa comodidade persoal para encabezar a candidatura do Partido Popular", asegura.
"Os resultados, non sendo malos porque subimos mil votos, non como outros partidos, que se derrubaron e perderon concelleiros e votos, non son os esperados, non nos imos enganar", reflexiona Menor. "Froito diso, entendo eu, que tamén son alcalde, que un alcalde afeito a maiorías absolutas non se vexa moi cómodo na oposición. Claro que para ser alcalde era o perfil ideal, pero para facer oposición pódese ter outro perfil".
E ante iso agora o PP ourensán ten que buscar quen ocupe ese espazo. "Igual que no caso de Manuel Baltar, Manolo Cabezas o que fixo por responsabilidade foi manter a continuidade ata que se clarificasen estes procesos electorais, e unha vez feito isto dá paso a unha situación nova en que teremos que atopar, temos catro anos por diante, temos unha boa canteira, e seguro que faremos unha remuda axeitada".
Luís Menor asegura que asume o cargo de presidente da Deputación nun momento en que á provincia de Ourense se lle abren moitas posibilidades, e ve na chegada do AVE unha oportunidade. "É algo que temos que aproveitar. Eu creo que a estas alturas a sociedade galega, e a ourensá por suposto, ten as capacidades suficientes para saber aproveitar as oportunidades, que era o que nos faltaba historicamente como pobo".
"Creo que en Ourense hai moitísima xente que nos vén visitar e acreditouse no aumento de visitantes durante todo este ano e é o que temos que engarzar coas potencialidades que temos, sinaladamente algunha moi singular como o termalismo, as catro denominacións de orixe, e unha situación estratéxica que nos permitiría captar empresas sobre todo ligadas á loxística e un sector primario moi bo que pode ser a despensa de España", conclúe Luís Menor.