Envían anónimos chamando prostitutas a catro mestras dun colexio de Cambados
Envían anónimos chamando prostitutas a catro mestras dun colexio de Cambados
As vítimas denunciaron os feitos á Garda Civil, que investiga o rastro das cartas
As misivas chegaron a outros profesores e ás comunidades de veciños dalgúns alumnos
As primeiras cartas chegaron ao profesorado do colexio Antonio Magariños no mes de abril. Nelas aparecían os nomes e apelidos de tres compañeiras chamándoas prostitutas e instando os pais do alumnado a ter coidado con elas. Daquela denunciaron os feitos e pensaron que todo rematara, pero non foi así.
"Este curso volveron aparecer, neste caso en varias comunidades de veciños de edificios de Cambados e tamén a unha das profesores que citaban, que este ano cambiou de colexio, tamén lle chegou ao outro centro" explica Pilar Xiráldez, directora do CEIP Antonio Magariños.
Non teñen sospeitas de quen pode haber detrás dos anónimos e destacan que as vítimas non teñen alumnado en común.
"Lévanse ben, pero tampouco teñen relación especial fóra, non teñen alumnos en común nin nos consta ningún problema, estamos moi sorprendidos", engade a directora.
Nun comunicado á prensa, o colexio dá a coñecer os feitos para tentar disuadir a persoa culpable. Ademais, no texto lamentan que algúns datos do profesorado sexan accesibles en documentos públicos.
"Os datos de traslado de profesores son públicos, levan os nomes e apelidos. A persoa que escribe as cartas puido saber a que colexio marchou unha das mestras", di Pilar Xiráldez.
Agardan que a tranquilidade regrese pronto ao seu centro de traballo e piden que se alguén recibe un destes anónimos o manipule o menos posible e llo comunique á Garda Civil, que está a investigar o rastro dos selos e franqueos das cartas.