Epifanio sobre as arbitraxes: "Hai que estar preparados para que non nos saquen dos partidos"
Diego Epifanio considera que o Joventut é un equipo “con poucas fisuras”
Diego Epifanio, adestrador do Leyma Básquet Coruña, considera que o Joventut, ao que visitan este sábado no Palau Municipal D'Esports de Badalona, é un equipo “con poucas fisuras” e que conta cun xogador diferencial na liga Endesa, o á-pivote estadounidense Sam Dekker.
“Dekker é un xogador doutro nivel nesta Liga, como xa demostrou. O impacto de Dekker na competición está a ser brutal, é un xogador doutro nivel no sentido da anotación, do físico, da execución e da rapidez”, destacou en conferencia de prensa.
O xogador chegou á Penya a mediados de novembro para reforzar o xogo na pintura do equipo verde e negro. Epifanio, con todo, avisa que o cadro dirixido por Daniel Miret ten outros xogadores que tamén poden marcan a diferenza na categoría pola súa experiencia.
“É un equipo que está a xogar moi ben, que está nas primeiras posicións da clasificación, que ten un roster con xogadores moi experimentados. Pero non só con moita experiencia na liga, que hai outros equipos que tamén a teñen, senón con xogadores que teñen moito rendemento na liga. Vives, Hanga, Rivas, Robertson, Tomic, Pustovoy… son xogadores que tiveron sempre moito impacto nos seus equipos e moito impacto no xogo”, incidiu.
Tamén falou dun posible maltrato arbitral.
"Os árbitros teñen que facer o seu traballo igual que nós, e teñen erros e non pasa nada. Sentimos que fannos máis dano".
"Non podemos facer nada para que cambie, hai que estar preparados para que non nos saquen dos partidos".
Para este encontro, o preparador do equipo laranxa segue pendente do estado físico do base francés Thomas Heurtel, quen segue cun traballo individual para acelerar a súa posta a punto.