ERC ameaza con retirarlle o apoio a Sánchez se non cumpre co pacto de soberanía fiscal para Cataluña
ERC ameaza con retirarlle o apoio a Sánchez se non cumpre co pacto de soberanía fiscal para Cataluña
ERC ameaza con retirarlle o apoio a Sánchez se non cumpre co pacto de soberanía fiscal para Cataluña
O preacordo entre PSC e ERC para a investidura de Salvador Illa sométese a consulta da militancia republicana este venres
O líder dos socialistas estremeños pídelle a Sánchez que convoque un Consello de Política Federal do partido para pronunciarse sobre o pacto
Este venres, 8.700 militantes de Esquerra Republicana poderán avalar ou tombar o preacordo que o seu partido asinou cos socialistas para a investidura de Salvador Illa.
De saír adiante, o Goberno central promete un concerto económico propio para Cataluña. A secretaria xeral dos republicanos, Marta Rovira, advirte que "o grupo parlamentario en Madrid de ERC deixará de dar apoio a Pedro Sánchez se non cumpre os acordos".
Vendo perigar a lexislatura, o PSOE afánase en defender o preacordo das críticas da oposición e tamén internas. En declaracións aos medios, a ministra de Igualdade, a socialista Ana Redondo, asegurou que "o primeiro que sorprende é que, sen coñecer a letra do acordo, se rexeite o acordo". Na súa opinión, "hai que ser máis serios, máis responsables na política".
A central do PSOE loa o que consideran un novo paso cara ao federalismo, punto que critican dende o PP. Ester Muñoz, vicesecretaria de Sanidade e Educación do PP, asegurou nunha entrevista en RNE que Pedro Sánchez "está pensando en cambiar a fórmula do Estado sen preguntar aos españois". Aféalle ademais que no PSOE "ninguén sabe en que consiste" o pacto con ERC e considera que "medio partido seu está alertando desta situación".
Ás críticas de baróns socialistas como o de Castela-A Mancha, súmanse outras federacións. Nas últimas horas, o líder do PSOE en Estremadura pediulle a Pedro Sánchez que convoque un Consello de Política Federal, en que os secretarios xerais de todas as federacións poidan expresar a súa postura sobre ese posible financiamento singular para Cataluña. Segundo Miguel Ángel Gallardo, ese "é o espazo adecuado para falar con honestidade e con lealdade".
Dende Asturias, o conselleiro de Facenda, o socialista Guillermo Peláez, asegurou que o goberno do Principado "rexeita que calquera comunidade autónoma saia do réxime común de financiamento a través dun concerto fiscal".
As comunidades gobernadas polo PP tamén se opoñen a unha soberanía fiscal para Cataluña. Dende Galicia alertan das posibles consecuencias "que pagaremos todos, as comunidades autónomas e tamén as empresas" segundo Diego Calvo. O conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes engadiu que "en Galicia non estamos dispostos a aceptalo, nin debemos nin podemos permitilo".