ERC e Podemos recean das posibles concesións a Junts na negociación do teito de gasto
ERC e Podemos recean das posibles concesións a Junts na negociación do teito de gasto
A ministra de Facenda insiste en que seguirá "falando" para conseguir aprobar os presupostos xerais
O PP cualifica a retirada do teito de gasto de "espantada" para "disimular" unha nova derrota parlamentaria do Goberno
Un día despois de retirar a senda de déficit do Congreso, o Goberno insiste en que seguirán "falando" para levar á Cámara Baixa uns presupostos xerais do Estado.
Pero as conversas con Junts non van ser doadas. Nunha entrevista en RNE, a súa voceira Miriam Nogueras insistía en que o PSOE está forzado a negociar con eles porque non teñen maioría parlamentaria. "Se non hai avances, non hai estabilidade", afirmou Nogueras.
Os votos que o Goberno consiga por un lado, podería perdelos por outro. Podemos mesmo ameaza con votar en contra dunha nova proposta. A secretaria xeral do partido, Ione Belarra, advirte que "se a senda de déficit inclúe concesións en clave conservadora, nós podemos reconsiderar o noso voto, como é evidente".
Tamén están molestos en ERC, que piden protagonismo na negociación. Gabriel Rufián quere que o PSOE entenda que "se a abre para un, ábrea para todos, empezamos de cero".
O PSOE tenta tranquilizar os socios e asegura que falará "con todo o mundo", aínda sabendo que co PP non hai marxe. Segundo o seu voceiro no Congreso, "acaban poñendo condicións imposibles", como a ruptura do pacto de financiamento singular para Cataluña. "Saben perfectamente que nós temos un pacto con ERC e que o imos cumprir", dixo Patxi López nos corredores do Congreso.
Para Alberto Núñez Feijóo "isto empeza a parecer unha gran broma" e aféalle ao executivo a falta de apoios no Congreso.
Para Cuca Gamarra, secretaria xeral do PP, "Só hai unha cousa peor que perder as votacións, que é retirar iniciativas para disimular a derrota, dar a espantada".
A ministra de Facenda respondeulle asegurando que o PP non é capaz de entenderse con ningún outro partido. "O PP vai en solitario porque cre que chegar a acordo con outros significa ceder a chantaxes", dixo María Jesús Montero durante a sesión de control ao Goberno.
O Goberno admite xa que os presupostos xerais poderían presentarse con semanas de atraso.