Escotet confirma que a busca dun socio industrial para Nueva Pescanova quedou aparcada

Abanca, socio maioritario da pesqueira, con máis do 97 % das accións, inxectou o pasado xaneiro 70 millóns de euros en Nueva Pescanova

O pasado abril, deuse practicamente por feita a venda do 80 % de Nueva Pescanova á pesqueira canadense Cooke

G24.gal 31/10/2023 14:22

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, confirmou este martes en Vigo que a busca dun socio industrial para Nueva Pescanova quedou aparcada de momento. “Decidimos aparcar o proceso de procura dun socio industrial. Claramente priorizamos o noso plan estratéxico. A recente incorporación do noso conselleiro delegado, Jorge Escudeiro, xustamente apunta a fortalecer e facer posible ese novo plan estratéxico que agora comeza”, dixo Escotet durante un acto en Vigo para presentar o proxecto de transformación da sede corporativa do banco na cidade.

“Cremos que ten moito máis valor executar ese proxecto e, repito, aprazar a procura dun socio industrial”, engadiu Escotet, segundo o cal “sempre habería tempo” para reactivar a procura dese socio industrial. “Non é a nosa prioridade, a empresa vai ben e francamente ilusiónanos todo o proceso no que actualmente nos atopamos. Cremos que é unha maneira de crear máis valor, de preservar o emprego, de preservar o futuro da compañía, que para nós, sabendo o valor que ten para a rexión, e especialmente para esta cidade, foi nosa prioridade e por iso comprometemos o investimento que efectuamos nos últimos anos”, manifestou.

Abanca, socio maioritario da pesqueira, con máis do 97 % das accións, inxectou o pasado xaneiro 70 millóns de euros en Nueva Pescanova para "reforzar os fondos propios da compañía e robustecer a execución do seu plan estratéxico, tal e como explicou no seu momento a compañía.

O pasado abril, deuse practicamente por feita a venda do 80 % de Nueva Pescanova á pesqueira canadense Cooke, á que o entón CEO da compañía galega, Ignacio González, cualificou como o “socio ideal”. O propio Escotet manifestou en xuño que as negociacións continuaban, “pero sen présa”, e en setembro Jorge Escudeiro asumiu o posto de conselleiro delegado en substitución de Ignacio González, quen renunciou por razóns persoais en maio, en plenas negociacións para a venda da compañía ao grupo canadense Cooke. O “empeño” de Abanca, dixo hoxe Escotet, é con todo seguir como ata o de agora.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade