Publicador de contidos
Publicador de contidos

Escrivá: "A AESIA potenciará un ecosistema de especialización arredor de Galicia e A Coruña"

Escrivá: "A AESIA potenciará un ecosistema de especialización arredor de Galicia e A Coruña"

O ministro para a Transformación Dixital afirma que a Axencia de Intelixencia Artificial, que empezará a funcionar na Coruña antes de agosto, precisará sociólogos e xuristas para definir os límites da IA 

Escrivá di que o Goberno non traspasou a Galicia a xestión do ingreso mínimo vital porque a Xunta non modificou a lei galega nin ten un "compromiso forte" coas políticas de inclusión 

O ministro para a Transformación Dixital, José Luis Escrivá, atendeu o 'Bos días' desde a sede da Delegación do Goberno en Galicia
G24.gal 19/06/2024 08:31 Última actualización 19/06/2024 12:53

A Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) xa é unha realidade. O ministro para a Transformación Dixital, José Luis Escrivá, asinou este martes na Coruña un convenio co concello a través do cal o Goberno local se compromete a ceder o emblemático edificio da Terraza para albergar este organismo.

A AESIA comezará a funcionar antes de agosto, aínda que o ministro precisou no Bos días que, de facto, "xa está en funcionamento". O director xeral,  Ignasi Belda, empezará en breve o proceso para recrutar 80 funcionarios e traballadores para incorporarse a esta axencia nunha primeira fase.

"Necesitamos perfís complementarios e multidisciplinares", afirma Escrivá. "Precisamos enxeñeiros e  tecnólogos, pero tamén sociólogos e xuristas porque o que a AESIA vai facer, co consenso de todos, é definir ata onde se limitan os operadores da IA e onde empeza o ámbito reservado para as decisións dos humanos".

O ministro non se atreve a dar unha cifra do impacto que a AESIA terá no PIB, "as ganancias de produtividade que xerarán sobre moitos sectores económicos serán moi importantes -explica- pero resístome a dar un número pechado". Con todo, José Luis Escrivá explica que esta axencia "será moi importante para os españois e os galegos porque intervirá en temas moi amplos que afectarán positivamente ás nosas vidas e vai potenciar un ecosistema de especialización arredor de Galicia e A Coruña".

Para o ministro, é moi importante facer un "acompañamento adecuado" para vixiar o desenvolvemento da intelixencia artificial desde o punto de vista "humanista e ético".

Escrivá explica por que o Goberno non traspasou aínda a Galicia a xestión do IMV

O Ministro para a Transformación Dixital precisa que a lei non contempla o traspaso desta competencia ás comunidades autónomas, senón a "asunción de funcións", xa que, segundo o Tribunal Constitucional, as políticas de inclusión son unha competencia "estatal". Con todo, precisou que o executivo central pode conveniar coas comunidades autónomas a súa xestión. Para iso -afirma- téñense que dar dúas condicións previas: "Hai que modificar a lei galega para que sexa compatible co IMV como xa fixeron outras comunidades autónomas e aquí non se fixo; e ten que haber un compromiso forte con esta política".

No caso galego, explica, a despregadura da RISGA tivo un "desenvolvemento moi escaso, non chegou a mais de trinta mil beneficiarios". Escrivá engade: "Non se trata de transferir funcións porque si, senón porque o vas facer mellor que antes".

Ao preguntarlle polo compromiso do Goberno de rematar coa cita previa, José Luis Escrivá precisou na entrevista que o ¨Goberno pretende realizar unha modificación legal "ao longo deste ano"  para incluír na Lei de Transformación da Función Pública o dereito dos españois a "interaccionar coa administración na forma que eles desexen". 

O ministro sostén que a sentenza do TXUE sobre interinos "non cuestiona o marco español"

O ministro para a Transición Dixital e da Función Pública, José Luis Escrivá, explicou que a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) sobre converter interinos en traballadores con contrato indefinido para sancionar os abusos de temporalidade na administración pública "non cuestiona o marco español".

Preguntado sobre este asunto este mércores na Coruña, dixo que ve este fallo "con moita normalidade" e que a sentenza "é para un caso particular e previo á Lei" de estabilización 20/2021 polo que "non cuestiona o marco español". Lembrou que España conta cunha lexislación que "aborda a loita contra a temporalidade no mercado de traballo".

Escrivá sinalou que "hai tres cuestións" clave no marco español: "establécese un límite máximo de tres anos de temporalidade no sector público", o que "evitaría" casos como os da sentenza;  obxectivízanse as causas para poder contratar persoas de forma temporal na administración pública; e "se se superan eses tres anos "hai que compensar aos traballadores e debería ter consecuencias disciplinarias".

Ademais, o ministro lembrou que está "á espera dunha resolución do Tribunal Europeo para que o Supremo dite doutrina".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade