Publicador de contidos
Publicador de contidos

Escrivá: "A Aesia ten que converterse nun centro de análise moi potente"

Escrivá: "A Aesia ten que converterse nun centro de análise moi potente"

Na súa visita ao centro de investigación TIC da Universidade da Coruña (UDC), o ministro lembrou que “hai que ter en conta que estamos nunha etapa relativamente temperá en Europa e no mundo en termos regulatorios”

Escrivá estableceu como obxectivo que “as novas tecnoloxías e a intelixencia artificial teñan un impacto positivo sobre os cidadáns”

G24.gal 22/01/2024 13:02

O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, José Luis Escrivá, sinalou que a Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia) que se vai inaugurar na Coruña atópase en preparación, pero que primeiro “ten que converterse nun ‘think tank’, un centro de análise moi potente”.

Explicouno este luns na súa visita ao centro de investigación TIC da Universidade da Coruña (UDC), onde detallou que a Aesia “xa está regulada e ten un consello reitor” pero agora estase traballando “en darlle forma en termos concretos e que despregue a súa capacidade máxima”.

O ministro explicou que, antes de que a Aesia “teña capacidades supervisoras concretas”, o plan é que “vaia preparándose con esas capacidades analíticas e ser un difusor ante a sociedade das oportunidades que trae consigo a intelixencia artificial, pero tamén dos riscos que hai detrás dalgúns usos”, algo que espera que se faga “de forma moi próxima”.

Foi o pasado agosto cando o Consello de Ministros aprobou os estatutos da Aesia e a súa sede na Coruña, candidatura gañadora, onde ocupará o edificio da Terraza nos xardíns de Méndez Núñez. Sobre a súa posta en marcha, o ministro lembrou que “hai que ter en conta que estamos nunha etapa relativamente temperá en Europa e no mundo en termos regulatorios” da intelixencia artificial.

José Luis Escrivá dixo que a Aesia “será fundamentalmente unha entidade supervisora, pero para supervisar necesitas ter un mapa regulatorio ben definido”, lembrando que “acábase de aprobar a directiva europea de intelixencia artificial”, agora é momento de “desenvolvela”.

Escrivá confesou que intúe “unha conexión moi grande” entre a Aesia e a UDC. Sobre a súa reunión no centro de investigación TIC, o ministro desvelou que repasaron “proxectos de innovación e investigación” que están en marcha, así como de que maneira “axudar” a estes centros “desde o público”.

Escrivá, que tamén visita este luns as instalacións de Inditex en Arteixo, sinalou que o centro TIC é un espazo “exemplar no traballo coas empresas”. Sobre a convención do PSOE esta fin de semana na cidade, José Luis Escrivá concluíu que foi “moi boa” e que serviu para “intercambiar moitísimos puntos de vista”. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade