Escrivá tomará posesión este venres como novo gobernador do Banco de España
Escrivá tomará posesión este venres como novo gobernador do Banco de España
O Partido Popular acusa a Pedro Sánchez de impoñer un perfil inaceptable para a oposición
O que será novo gobernador do Banco de España, José Luis Escrivá, xa ten en axenda a súa primeira encomenda. Tomará posesión do seu cargo mañá venres para poder acudir a próxima semana á reunión de política monetaria da Unión Europea. "Poucos economistas teñen o coñecemento, a experiencia e o sentido de estado que ten José Luis Escrivá", defende Pedro Sánchez.
Con este argumento di o Goberno que o nome de Escrivá foi unha aposta firme que nunca formou parte da negociación co principal partido da oposición. "Tiñamos claro que queriamos dar entrada ao principal partido da oposición pero non a costa dun veto á nosa capacidade de actuación", explica Carlos Cuerpo, ministro de Economía.
O Partido Popular acusa o Goberno de confrontar e dividir en lugar de buscar acordos. "Escolleron o perfil que sabían que resultaba máis inaceptable para a oposición. Un ministro que salta do goberno para converter o Banco de España no banco de Sánchez", asegura Miguel Tellado, voceiro do Partido Popular no Congreso.
O curso político comeza cunha remodelación do executivo que afecta ao círculo máis próximo a Pedro Sánchez. Óscar López pasará a ocupar a carteira de Transformación Dixital. E o seu cargo de director de gabinete de Presidencia será ocupado por Diego Rubio, outro dos colaboradores de Sánchez na Moncloa. O Goberno pecha filas cos cambios: "Temos un programa para acabar a lexislatura", di Margarita Robles, ministra de Defensa.
Un executivo, din os populares, que resiste pero non goberna. "Temos un Goberno que xoga á resistencia pero que renunciou a gobernar", responde o popular Miguel Tellado.
E poñen como exemplo os presupostos para o 2025 para os que non hai sesións parlamentarias habilitadas de aquí a final de ano.