España e Marrocos selan unha nova etapa de cooperación
España e Marrocos selan unha nova etapa de cooperación
O xiro do Goberno sobre o Sáhara propicia o primeiro cumio en 8 anos
Pedro Sánchez e 11 dos seus ministros asinarán 24 acordos co Goberno marroquí
A última reunión de alto nivel entre España e Marrocos data de 2015. Nestes 8 anos, as relacións co país magrebí atravesaron unha das súas periódicas crises, sobre todo a raíz do ingreso en 2021 nun hospital español do líder da fronte Polisario, Brahim Ghali.
O enfado marroquí polo trato a un dos seus peores inimigos desembocou nun desembarco masivo de inmigrantes na fronteira de Ceuta, a retirada da súa embaixadora e a dimisión da ministra española de Exteriores.
Un ano durou a tensión diplomática ata que Pedro Sánchez anunciou o apoio español a un Sáhara autónomo dentro de Marrocos, un xiro histórico que Rabat celebraba. No seguinte asalto ao valado, 23 inmigrantes morreron pola brutal represión marroquí.
A nova postura española sobre o Sáhara irritou a Unidas Podemos: ningún dos seus ministros participa no cumio deste xoves.
Ione Belarra, ministra de Dereitos Sociais e líder de Podemos, cre que "non se dan as condicións para poder participar nun cumio destas características, especialmente despois dese xiro unilateral que levou a cabo o Partido Socialista respecto do Sáhara".
Como prólogo ao cumio, Pedro Sánchez e o seu homólogo marroquí, Aziz Ajanuch, presidiron un foro empresarial en que se ratificou o interese mutuo por aumentar tanto as relacións comerciais como os investimentos nos dous países.
"Canto mellor sexa a relación entre Marrocos e España, mellor para España, para Marrocos e tamén para Europa. Por iso imos impulsar unha nova asociación económica avanzada entre España e Marrocos que nos vai permitir xerar riqueza, prosperidade para as familias e para as empresas en ambos os dous países", anunciou Sánchez.
Once ministros españois participan este xoves no cumio, en que se van asinar 24 acordos de cooperación e do que se espera o anuncio da apertura das aduanas en Ceuta e Melilla.
Finalmente, non haberá encontro con Mohammed VI. O rei marroquí falou con Sánchez por teléfono: os dous coincidiron en que o encontro servirá para consolidar unha nova etapa nas súas relacións.