España e Portugal renovan o seu tratado de amizade
España e Portugal renovan o seu tratado de amizade
Calviño e Díaz escenifican a súa tregua
Os dous países acordan crear o estatuto do traballador transfronteirizo
Pedro Sánchez e António Costa chegaron a Trujillo envoltos en cadansúa crise interna. O portugués, sen presupostos e a piques de eleccións anticipadas, non quixo falar da súa.
Sánchez, sobre as discrepancias arredor da reforma laboral, só dixo isto: "O Goberno de España o que quere é a coordinación para abordar esta reforma, o máximo diálogo e o maior dos consensos para poder lograr unha reforma que vai ser moi importante de cara a toda a tarefa de modernización que ten a sociedade española e o Goberno no seu conxunto por diante".
Era a primeira vez que coincidían Nadia Calviño e Yolanda Díaz desde que se airearan as súas diferenzas. Este xoves escenificaron a tregua coa chegada xuntas ao centro de prensa. Despois do apoio público de Sánchez á súa vicepresidenta económica, en Trujillo abundaron as imaxes de complicidade coa responsable de Traballo.
O cumio en si deixou nove acordos para unir forzas na transición cara ao vehículo eléctrico, compartir servizos ligados aos teléfonos de emerxencias 112 ou facilitar a protección ás mulleres maltratadas que crucen a fronteira.
Ademais, España e Portugal renovaron o seu tratado de amistade, á luz dos cambios acontecidos nos 44 anos transcorridos desde a súa sinatura.
António Costa, primeiro ministro de Portugal, salientou que o documento "moderniza as nosas relacións máis aló da dimensión bilateral en novas áreas como a transición enerxética e dixital e o reforzo da cooperación nese cadro multilateral que é a OTAN e a Unión Europea".
Acordaron tamén a creación do estatuto do traballador transfronteirizo, para eliminar discriminacións laborais e compartir servizos de saúde, emprego ou educación a ambos os lados da raia.