Publicador de contidos
Publicador de contidos

España, o Reino Unido e Bruxelas buscarán avanzar no pacto sobre Xibraltar este xoves

España, o Reino Unido e Bruxelas buscarán avanzar no pacto sobre Xibraltar este xoves

A situación da rocha quedou fóra do acordo do brexit oito anos atrás

O uso do aeroporto e o control de aduanas foron as cuestións máis tratadas na última reunión, celebrada o pasado 12 de abril, na que se acodaron as liñas políticas xerais sobre a situación

A rocha de Xibraltar (Europa Press) A rocha de Xibraltar (Europa Press)
G24.gal 15/05/2024 18:48 Última actualización 15/05/2024 20:55

Os ministros de Asuntos Exteriores de España, José Manuel Albares, e do Reino Unido, David Cameron, reuniranse este xoves en Bruxelas para tentar avanzar no acordo sobre a situación de Xibraltar tras o brexit. No encontro tamén está prevista a presenza do vicepresidente executivo da Comisión Europea Maros Sefcovic.

Fontes diplomáticas españolas informaron desta reunión, que terá lugar en Bruxelas tras a primeira celebrada co mesmo formato o pasado 12 de abril, na que houbo avances significativos pero non chegou a pecharse o acordo político sobre a Rocha.

O obxectivo deste segundo encontro, segundo as mesmas fontes, é "avanzar nas liñas mestras dun acordo que traerá prosperidade, confianza, seguridade xurídica e estabilidade aos cidadáns de todo o Campo de Xibraltar".

Os británicos tamén confirmaron o encontro de mañá e aseguraron nun comunicado que estará centrado en "dialogar sobre o progreso (realizado) cara a un tratado entre o Reino Unido e a UE sobre Xibraltar". Engadiu que estará presente, igualmente, o ministro principal de Xibraltar, Fabian Picardo.

O Goberno de Xibraltar indicou nun comunicado que a delegación xibraltareña en Bruxelas estará composta, así mesmo, polo viceministro principal, Joseph García; o fiscal xeral, Michael Chamas; o secretario principal do Executivo de Xibraltar, Glendon Martínez; e o director da Casa de Xibraltar en Bruxelas, Daniel D'Amato.

Xibraltar é unha colonia británica desde 1713, situada no sur de España, que este país reivindica de maneira reiterada. A situación de Xibraltar quedou fóra do acordo sobre a retirada do Reino Unido da Unión Europea e as tres partes implicadas aínda manteñen as negociacións, oito anos despois do referendo sobre o brexit.

Cuestións tratadas na primeira reunión

O uso do aeroporto e o control de aduanas centraron as conversacións dos equipos negociadores desde hai meses. Na reunión do pasado 12 de abril, a Comisión Europea, o Reino Unido e España conseguiron acordar as "liñas políticas xerais" sobre a situación de Xibraltar tras o Brexit en ámbitos como o aeroporto ou a mobilidade.

"Os debates tiveron lugar nunha atmosfera construtiva e lográronse avances significativos. Acordáronse liñas políticas xerais, tamén sobre o aeroporto, mercadorías e mobilidade", afirmaron nunha declaración conxunta tras o encontro Sefcovic, Albares, Cameron e Picardo.

O ministro español de Exteriores manifestou tras a cita que o 12 de abril non foi "un día máis" na negociación sobre a situación de Xibraltar tras o Brexit. "Hoxe non é un día máis, non é un día de negociación máis. Hoxe foi un día moi importante, onde se conseguiron avances importantes e no que todos estamos de acordo, unha vez máis, nas próximas semanas seguir traballando para concluír" o acordo, declarou aos medios Albares.

As relacións entre Bruxelas e Londres melloraron nos últimos meses, tras o desxeo levado a cabo polo goberno do primeiro ministro británico Rishi Sunak.

O acordo sobre a Rocha, que se dilata no tempo, é chave para os máis de 32.000 xibraltareños, os máis de 270.000 veciños da comarca española limítrofe do Campo de Xibraltar, os 15.000 traballadores que cada día atravesan a fronteira e o conxunto de empresas que interactúan a ambos os dous lados da pequena aduana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade